Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os carballos da sementeira, un antigo sistema de orientación para os labregos

Os carballos da sementeira, un antigo sistema de orientación para os labregos

Uns carballos centenarios indicábanlles aos labregos de Bande cando tiñan que sementar cada cousa, as patacas, o millo ou as fabas

Chámanlles os carballos da sementeira e, aínda que hoxe en día non lles prestan tanta atención, seguen acompañando os veciños no seu día a día

G24.gal 11/12/2025 18:05

Máis de medio milenio levan contemplado tres carballos que se erguen, rexos, ás portas da igrexa parroquial de Bande. Xa estaban aí antes que a propia igrexa e antes que a capela que a precedeu. Sinalaban un lugar sagrado para as antigas civilizacións.

David Pérez, etnógrafo e veciño da zona: "A igrexa e todo iso non está aquí ao azar. Sempre buscaban lugares sagrados ou antigos lugares de culto para cristianizar".

Baixo os carballos xuntábase a xente, facían asembleas, celebraban, incluso, algún pleno municipal. Pero o seu valor principal era o da sementeira. Indicaban cando había que plantar cada cousa.

"Dicían que era: fabas, millo e patacas, cada un o seu". "Porque non botan a folla igual". "Guiabámonos moito todos, porque na lúa minguante é cando botaban a folla as árbores", comentan varios veciños.

Guiábanse polo momento en que botaban a folla, que variaba uns quince días dun a outro.

"Os carballos hibridan moito e hai pequenos matices que fan que uns agromen antes e outros despois", explica David.

Un deles, o das fabas, ardeu hai xa ben anos, pero aí segue, oco por dentro e robusto por fóra.

"Eu acórdome de velo arder días e días de pequeno e dicían que fora un raio. Ten un oco no medio e, se miras por el, ves arriba o día", lembran os veciños.

Declaradas árbores senlleiras, hoxe en día teñen protección especial. Había unha cuarta, pero a protección, para esa, non chegou a tempo. Cortárona hai uns cincuenta anos.
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade