Case 6 quilos de cocaína intervidos e 7 detidos nun operativo contra o tráfico de drogas en Carballo
Case 6 quilos de cocaína intervidos e 7 detidos nun operativo contra o tráfico de drogas en Carballo
A investigación permitiu destapar un grupo criminal asentado en Carballo cunha definida rede de distribución

Case 6 quilos de cocaína intervida, uns 7.000 euros, sete detidos e catro rexistros domiciliarios foi o balance dun operativo conxunto realizado pola Policía Nacional e Vixilancia Aduaneira, que permitiu desmantelar unha organización criminal dedicada ao tráfico de estupefacientes na zona de Carballo.
A investigación iniciouse a finais do pasado ano, cando un vehículo que estaba a ser vixiado foi interceptado na AG-55, en dirección a Carballo, cando regresaba de Madrid.
Os axentes atoparon no coche máis de 5 quilos de cocaína en 'caletas' e procedeuse á detención do ocupante do vehículo. A partir de aí, levou a cabo unha profunda investigación para pescudar o destino da droga incautada e os implicados.
Os investigadores tiveron coñecemento da existencia dun grupo criminal liderado por un home asentado en Carballo, no que cada membro tiña unha función asignada.
O xefe do grupo contaba con numerosos contactos no ámbito do tráfico de estupefacientes e establecera unha gran rede de clientes.
Para atender a demanda contaba con varios subordinados, ademais de establecer medidas de seguridade e un férreo control sobre a distribución da droga, incluso indicando de maneira precisa a súa porcentaxe de ganancia en cada venda e a porcentaxe que correspondía aos seus axudantes.
As pescudas permitiron identificar a todos os membros do grupo criminal e, o pasado 12 de agosto, procedeuse á realización de catro rexistros simultáneos en Carballo.
O operativo, desde o inicio da investigación, rematou con sete detidos, e interviñéronse case 6 quilos de cocaína en roca, 7.000 euros en efectivo, dous vehículos e útiles para a preparación da droga.