O CSIF denuncia o almacenamento de 2.500 quilos de cocaína na Axencia Tributaria da Coruña
Consideran que se puxo en perigo a seguridade de funcionarios e cidadáns
O alixo, valorado en 20 millóns de euros, foi comisado na operación Doncella
A droga xa foi incinerada. Pero o debate continúa no interior dun dos edificios administrativos máis céntricos e transitados da Coruña, a sede da Axencia Tributaria. O lugar que, segundo denuncia o sindicato CSIF, serviu para almacenar as máis de dúas toneladas de cocaína incautadas na operación Doncella.
"Non entendemos como o estado non ten un depósito xudicial ou unha infraestrutura que evite poñer en perigo a seguridade dos funcionarios, falamos duns 500 que traballan alí cada día, e centos de cidadáns que fan xestións no edificio", explica Pablo Burgos, voceiro do CSIF na Axencia Tributaria.
Cidadáns e funcionarios, que, segundo o CSIF, puideron correr perigo ao convivir durante dúas semanas con tan valiosa carga. Por iso piden explicacións aos responsables.
"Entendemos que son o delegado especial da Axencia Tributaria en Galicia e o delegado do Goberno, que terán que explicar se Galicia está preparada para almacenar estas substancias e se non teñen instalacións onde metelas sen comprometer a seguridade cidadá", engade o voceiro do sindicato.
Fontes da Axencia Tributaria explican que a droga se depositou nunha estancia completamente securizada e dotada de vixilancia armada. Engaden que cumpriron coa súa obriga de custodiar ata a destrución o alixo comisado por Vixilancia Aduaneira no marco da operación Doncella.
A droga apareceu no interior dun veleiro que se dirixía á costa galega o pasado 14 de setembro. Cargaba 74 fardos de cocaína valorados nuns 20 millóns de euros.