Os bombeiros conseguen controlar o incendio do suroeste de Francia
O incendio está controlado, pero non extinguido
O Goberno francés pecha o acceso a moitas áreas forestais
O traballo conxunto dos bombeiros franceses, e dos enviados por outros países europeos, conseguiu controlar o incendio máis grande que sufriu Francia nos últimos anos. O lume arrasou 7.400 hectáreas na zona da Gironda, nos arredores de Bordeos, e unha superficie aínda por determinar entre Nantes e Rennes.
Máis de mil bombeiros están preparados para reaccionar rapidamente
"Este sábado pola tarde o incendio quedou controlado, pero iso non quere dicir que estea apagado. Onte e esta mañá tivemos casos en que o lume reapareceu con forza, así que distribuímos todos os nosos recursos para poder reaccionar rapidamente", di Jean Francois Gouy, responsable dun dos equipos de bombeiros de Francia.
A ameaza pode vir agora dos ventos e as tormentas secas
Os máis de mil bombeiros que permanecen no suroeste francés temen agora os ventos de ata cincuenta quilómetros por hora, que poden reactivar o lume, e a caída de raios propios das tormentas secas previstas. "A chuvia vai ser lixeira esta mañá. Sempre lle recordo á xente que a humidade é unha fortaleza cando loitamos contra incendios. As condicións climáticas son extremas, máis de trinta graos, o vento vai e vén. É moi complicado", engade Jean Francois Gouy.
Polo menos 1.600 veciños da zona afectada polos lumes xa puideron volver ás casas
O lume queimou ducias de edificacións e obrigou a evacuar arredor de dez mil persoas en toda Francia, das que 1.600 xa puideron volver aos seus domicilios.
"Dá medo, digan o que digan. Teño visto moitos incendios, lumes nas casas, pero nunca nos páramos, nunca vin algo coma isto", asegura Jean Louis, xubilado e veciño da zona afectada.
As autoridades francesas decidiron pechar temporalmente o acceso a algunhas áreas forestais para evitar o perigo de novos incendios.