Os altos niveis de inmunidade celular manteñen os ingresos por covid baixo control
A inmunidade adquirida polas vacinas e polos propios contaxios é a explicación de que con altas incidencias de covid os hospitais sigan estables
Máis dun millón de galegos pasaron xa a covid, segundo os datos dun estudo que acaban de publicar na Comunidade Valenciana e que, segundo os científicos que o realizaron, podería ser extrapolable a toda España.
Segundo eses datos, arredor do 50 % da poboación pasou a covid e máis dun 75 % desenvolveu os linfocitos T que atacan e destrúen as células infectadas e protexen contra a enfermidade grave e a morte.
"Non hai indicio ningún de que se perdese a inmunidade celular adquirida coas vacinas", explica o inmunólogo do CHUS José Gómez Rial.
Eses datos permiten afirmar que -agás unha pequena porcentaxe de vulnerables- a maioría da poboación pode enfrontarse ao virus sen medo de consecuencias graves. Esa memoria celular non se perde. Os anticorpos poden baixar algo, pero os linfocitos T seguen aí.
Os médicos explican que agora mesmo xa non se están a atender apenas pneumonías bilaterais como as que ao comezo da pandemia provocaban ingresos directos na UCI. E o xa cen veces repetido: que a maioría son ingresos con covid, non por ela.
"A xente que está hospitalizando agora mesmo non ten nada que ver coa que hospitalizaba a comezos da pandemia", explica Gómez Rial. "Eu ás veces penso que España ten realmente un problema coa máscara, porque é un tema que xa se superou no resto do mundo e en España seguimos discutindo se debemos levar ou non máscara, cando no resto do mundo é un debate que xa hai tempo que se abandonou e se está centrando na protección dos vulnerables".