Publicador de contidos

Publicador de contidos

Os 28 españois da flotilla que permanecen en Israel volven este luns a España

Os 28 españois da flotilla que permanecen en Israel volven este luns a España

O ministro de Exteriores afirma que farán todo o que faga falta para que cheguen o máis rapidamente posible a España

Denuncian vexacións e malos tratos físicos e psicolóxicos no interior do cárcere : "Golpeáronnos, arrastráronnos polo chan, vendáronnos os ollos, atáronnos de pés e mans, metéronnos en gaiolas e insultáronnos"

O primeiro grupo de activistas, este domingo, á súa chegada ao aeorporto Adolfo Suárez-Madrid Baraxas (A. Pérez Meca / Europa Press) O primeiro grupo de activistas, este domingo, á súa chegada ao aeorporto Adolfo Suárez-Madrid Baraxas (A. Pérez Meca / Europa Press)
G24.gal 06/10/2025 08:38

Os 28 españois que ían a bordo da Global Sumud Flotilla e seguen retidos en Israel volverán ao longo deste luns a España. Farano despois de que este domingo retornase un primeiro grupo de 21 cidadáns, segundo anunciou o ministro de Asuntos Exteriores, Unión Europea e Cooperación José Manuel Albares.

Nunha entrevista en Catalunya Ràdio, o xefe da diplomacia española detallou que os 28 españois continúan nunha prisión israelí e este luns, se non hai cambios de última hora, sairán daquel país con destino a España.

"Esa é a idea e iso é o que xa temos oficialmente confirmado con Israel", engadiu Albares. O ministro pide prudencia, pero confía en que hoxe chegue a España o grupo de 28 cidadáns españois restantes.

Albares afirmou que Exteriores se encarga completamente da repatriación e dos custos dos 28 españois que continúan aínda en Israel. Explica que o seu Ministerio vai facer todo o que faga falta para que cheguen o máis rapidamente posible a España.

A. Pérez Meca / Europa Press A. Pérez Meca / Europa Press

"Golpeáronnos, arrastráronnos polo chan, vendáronnos os ollos, atáronnos de pés e mans, metéronnos en gaiolas e insultáronnos"

Este domingo, o primeiro grupo de activistas españois da Flotilla Global Sumud expulsados de Israel regresaron a España. Na súa chegada ao aeroporto Adolfo Suárez Madrid Baraxas denunciaron que foron vexados e humillados na prisión na que permaneceron detidos.

"Os malos tratos físicos e psicolóxicos foron repetidos durante todos estes días: golpeáronnos, arrastráronnos polo chan, vendáronnos os ollos, atáronnos de pés e mans, metéronnos en gaiolas, insultáronnos", denuncia Rafael Borrego, un dos activistas.

Segundo sinalaron, estiveron horas coas mans atadas no porto antes de seren trasladados á prisión no deserto, nun proceso constante de deshumanización. De acordo co seu relato, persoas armadas entraban con cans no interior das celas e apuntábanlles á cabeza. Non os deixaban durmir, cambiábanos dun sitio a outro e foron tratados peor que animais.

Ademais, denuncian que foron deportados sen xuízo, non tiveron acceso a tradutor nin avogados e non lles permitiron contactar coas súas familias. Tamén relatan que non recibiron asistencia médica e que se lles privou de auga potable e de medicamentos necesarios, como a insulina que requirían dúas persoas diabéticas e que non recibiron ata tres días despois da detención.

Na prisión israelí de Saharonim, no deserto do Neguev, seguen detidos outros 28 españois xunto a activistas doutras nacionalidades que viaxaban na flotilla e rexeitaron asinar un documento recoñecendo que a súa entrada no país foi ilegal.

A pesar do ocorrido, aseguran que volverían embarcar e confían en que pronto viaxe outra flotilla cara á Franxa de Gaza.

Exteriores investigará estes malos tratos sufridos polos activistas

Preguntado pola denuncia de malos tratos por parte de Israel dos membros da flotilla que xa regresaron a España, Albares preferiu reservar a súa opinión ata falar en máis profundidade con eles e tamén ata que todos eles abandonen Israel.

En todo caso, asegura que se van investigar e denunciar estes malos tratos se hai probas, e lembrou que xa hai unha investigación en curso por parte da Fiscalía e que un equipo forense de Sanidade Exterior se desprazou ao aeroporto á chegada dos primeiros 21 membros da flotilla para ofrecer a quen quixese un recoñecemento médico.

O ministro de Exteriores explica que o cónsul de España en Tel Aviv, Fernando López de Castro, foi estes días ao cárcere e volverao facer hoxe para interesarse e velar por calquera necesidade sanitaria dos españois retidos e asegurarse de que teñen acceso a auga potable ou a alimentos e que, por suposto, os seus dereitos e a súa integridade física estean a ser respectados.

"Ese é un dos grandes obxectivos, se non o maior, unido a conseguir a súa saída e que sexan postos en liberdade, onde tiñan que estar sempre en todo momento, canto antes. Son os dous grandes obxectivos que ten o consulado e a Embaixada de España en Israel", explica.

"O Furor foi tan lonxe como puido"

Noutra orde de cousas, Albares defendeu o labor do buque Furor que enviou o Goberno para escoltar a Global Sumud Flotilla. Asegura que foi tan lonxe como puido e que se manterá na zona mentres quede un só español no cárcere de Israel.

"O barco tiña unha misión moi clara que explicou a ministra de Defensa (...) Eu creo que chegou tan lonxe como se puido no acompañamento da flotilla. De feito, España foi un dos pouquísimos países no mundo que ofreceu ese acompañamento e desde logo o que máis lonxe foi niso", celebrou.

Despois de detallar que Exteriores non ten constancia de se hai españois a bordo de novas flotillas que saíron a semana pasada desde Italia, Albares defendeu que calquera español que transite en barco exercendo a liberdade de navegación e que teña calquera contratempo sempre vai ter toda a protección diplomática e consular.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade