Ollo co novo sinal para advertir os condutores nos semáforos
Sinaliza a existencia de cámaras para detectar quen pasa o semáforo en vermello
O 1 de xullo entrou en vigor no Regulamento Xeral de Condución e progresivamente iranse instalando
Pasar un semáforo en vermello é unha infracción grave que ocasiona unha sanción considerable, multa de 200 euros e retirada de catro puntos.
"Pois paréceme xusto"
"Contundente, vaise acordar, a quen lle pase, acórdase"
"É moi perigoso porque podes matar a alguén polo simple feito de non mirar", comentan varias persoas na rúa
"As cámaras están funcionando, pero dende hai tempo, pero o que non estaban eran sinalizadas como tal", explica Cristina Sinde, profesora da autoescola SDS
É por iso que a DXT quere advertilo a través dun novo sinal que dende o 1 de xullo foi incorporado ao Regulamento Xeral de Condución. Progresivamente irémolos vendo a carón destas cámaras infravermellas.
"Fanche dúas fotografías, unha antes da liña de detección e outra xa cando pasaches o cruzamento", continúa a profesora
Este non é o único cambio. Hai máis de 110 modificacións para dar resposta ás novas necesidades. Algúns sinais só cambian o deseño. Outros elimínanse por quedar obsoletos. Tamén se suprimen as connotacións de xénero na simboloxía para fomentar unha linguaxe máis inclusiva. Todos estes cambios iranse incorporando ás probas teóricas para obter o permiso de conducir.
"Poñen así algunha de vez en cando, pero tampouco llas meten todas, pouco a pouco, vanas metendo pouco a pouco"
Toca actualizar os manuais das autoescolas e garantir que os alumnos dispoñan do tempo necesario para prepararse adecuadamente. Eles e tamén o resto dos condutores.