Publicador de contidos
Publicador de contidos

Oito persoas faleceron nas estradas galegas dende a Noiteboa

Oito persoas faleceron nas estradas galegas dende a Noiteboa

As últimas vítimas son unha muller de Vilagarcía e a súa filla de oito anos

A cifra de falecidos duplica xa as vítimas do Nadal pasado

G24.gal 31/12/2023 13:45 Última actualización 31/12/2023 14:04

Co alto índice de desprazamentos por estrada que se agardan para esta Noitevella, a DXT mantén o dispositivo especial de vixilancia e control e o 061 advirte da importancia de extremar as precaucións. O Nadal deixa en Galicia unha cifra de sinistros elevada, con oito vítimas mortais desde Noiteboa. 

Na tarde de Noiteboa un atropelo deixaba a primeira vítima mortal deste Nadal. Unha muller falecía en Crecente atropelada pasadas as 4 da tarde.

Horas despois, un sinistro en Noia remataba cunha nova vítima, un mozo de 25 anos a consecuencia dunha saída de vía, a pouca distancia da súa casa. Neste accidente quedaba ferido de gravidade o irmán do condutor, de 14 anos.

Dous falecidos o martes

O martes volveu ser unha xornada difícil nas estradas galegas. Pasadas as oito e media da tarde a Garda Civil de Tráfico de Verín recibía o aviso dun sinistro en Riós. Un home de 73 anos que circulaba en sentido contrario pola autovía A-52 batía frontalmente contra outro vehículo con cinco ocupantes, que quedaron feridos leves. O falecido viaxaba só.

Pouco despois notificábase outro accidente tamén entre dous turismos en Melide. A consecuencia do golpe falecía o condutor dun dos coches, de 70 anos. 

O mércores un motorista de 69 falecía en Petín ao bater contra o muro dunha vivenda. Atopouno un veciño tirado no chan e levaba o casco mal amarrado. E o xoves a vítima foi o condutor dun tractor, en Outes. O home, de 82 anos quedou debaixo do vehículo no que transportaba madeira ao envorcar nun desnivel.

Nai e filla

As últimas vítimas, nai e filla, faleceron onte pola mañá en Cambados, na Vía do Salnés, ao invadir o carril contrario e bater contra un camión cisterna. 

A cifra de falecidos en Galicia nesta campaña de Nadal duplica xa as vítimas destas datas do ano pasado ata o día de Reis. Por iso os servizos de urxencias insisten na responsabilidade e a prudencia nos desprazamentos durante as festas. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade