Publicador de contidos

Publicador de contidos

Oito anos sen faltar un dia á cita coa sua muller no cemiterio de Pontevedra

Oito anos sen faltar un dia á cita coa sua muller no cemiterio de Pontevedra

Manolo Méndez, O Zapateiro, con 92 anos visita a diario a tumba da súa María, que faleceu en 2014 a causa do alzhéimer

Manolo o Zapateiro senta cada día ao pé da tumba da sua muller
G24.gal 03/11/2022 10:48 Última actualización 03/11/2022 11:07

Nos días previos e posteriores á festividade de defuntos, os camposantos son un fervedoiro de xente que acode a lembrar os seus seres queridos. Pero é habitual que o resto do ano moitas desas tumbas queden orfas de visitas. Iso non sucede no cemiterio de San Mauro en Pontevedra, onde desde hai oito anos un home, Manuel, de 92 anos, visita cada día, chova ou faga sol, a sepultura da súa muller.

Puntual. Manolo chega ao cemiterio de San Mauro ao mediodía. Con case 92 anos é dificil seguirlle o paso. Agora vén acompañado pola segunda dos seus nove fillos, Lola, porque Manolo perdeu case toda a visión, pero ata non hai moito viña só guiándose ás apalpadas.

Non falla á súa cita diaria con Eladina, a que foi a súa muller durante 54 anos máis 10 de noivos, que faleceu a consecuencia do alzhéimer en 2014. Ese costume, asegura, manteno vivo.

Coma un ritual, Manolo senta canda Eladina, que sempre foi María para el. Ao comezo di que falaba con ela, pero agora Manolo acompáñaa en silencio. Explícao coa súa entrañable retranca. Di que como non lle contesta, agora xa non lle fala.

Con esa retranca e sentido do humor, lembra a súa María e como se coñeceron nun baile en Poio e os quilómetros que andaba para vela e ir á festa con ela.

Manolo era zapateiro, pero cando casaron e viñeron os nove fillos cambiou de oficio para poder manter a familia. Traballou nunha fábrica de portas ata que unha máquina lle segou catro dedos e tivo que xubilarse. Eladina enfermou de alzhéimer e Manolo coidouna ata que faleceu. Desde entón, só a pandemia e o confinamento impediron que se reunisen.

E Manolo ten claro que seguirá indo ao cemiterio mentres as pernas llo permitan.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade