O Obradoiro queda sen o triunfo contra o Bilbao no último minuto (77-78)
Partido moi igualado en que ningún dos dous equipos tivo máis de sete puntos de vantaxe
O Obradoiro foi por diante case todo o segundo tempo, pero Bilbao colleu a vantaxe definitiva a trinta segundos do final
O Obradoiro perdeu contra o Bilbao (77-78) nun partido moi igualado que puido caer para calquera dos dous lados.
Os dous equipos estiveron tentándose nun primeiro cuarto de máxima igualdade en que se foi Bilbao en vantaxe (16-18). O primeiro equipo que colleu unha pequena diferenza foi Bilbao mediado o segundo cuarto (28-33). Reaccionou Obradoiro e grazas a unha tripla de Howard no último segundo acabou o segundo período a un só punto (40-41).
Había moito temor ao segundo tempo pola carga de minutos de Obradoiro en Europa. Pero no os de Moncho Fernández conseguiron manter o ritmo. Howard lideraba o ataque (levaba 16 puntos) para irse catro arriba (54-50) e rematar o cuarto cun +5 esperanzador (61-56).
No último cuarto os santiagueses tentaron marchar sen éxito. Tiveron unha máxima diferenza de sete puntos (67-60) e aguantaron moitos minutos arredor dos cinco de vantaxe. A 2'30", Hlinason, que fixo moito dano na pintura, poñía o partido nun pano (73-71). A partir dese intre tocou un intercambio de canastras ata que De Ridder poñía os visitantes por diante (77-78) a 34 segundos do final. Tivo o Obradoiro dous ataques para lograr a vitoria pero non acertou coa canastra bilbaína.