Obdulia Taboadela substituirá a Julio Abalde como subdelegada do Goberno na Coruña
A ata o de agora deputada socialista no Congreso tomará posesión a mediados de setembro
A remuda chega pola xubilación de Abalde
Julio Abalde e Obdulia Taboadela. PSdeG.
A ata o de agora deputada socialista no Congreso Obdulia Taboadela será nomeada nova subdelegada do Goberno na Coruña en substitución de Julio Abalde. A substitución chegará tras a xubilación do exreitor da Coruña, quen accedera ao cargo en setembro do pasado ano, e farase efectiva o vindeiro luns, 31 de agosto. Avanzouno a Delegación do Goberno
Obdulia Taboadela tomará posesión do cargo para mediados do mes de setembro, unha vez deixe o Congreso dos Deputados, onde é deputada pola provincia da Coruña desde o ano 2023.
Pedro Blanco agradeceu o compromiso mostrado por Julio Abalde no seu paso pola Subdelegación, onde destacou que "impulsou a acción do Goberno de España na provincia, facilitando investimentos e consolidando eixos de colaboración permanentes co resto de administracións e organismos en beneficio da cidadanía".
Da nova subdelegada destacou a súa "experiencia e profundo coñecemento" da realidade da provincia da Coruña e das dinámicas do cargo. Tamén a animou a dar continuidade ao traballo que viña facendo Julio Abalde, dándolle un novo impulso.
Obdulia Taboadela (Madrid, 1964) é doutora en Socioloxía, e profesora titular na Universidade da Coruña.