Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xulgado arquiva a peza da Pokémon que investigou o exalcalde de Ourense Francisco Rodríguez

O xulgado arquiva a peza da Pokémon que investigou o exalcalde de Ourense Francisco Rodríguez

O maxistrado da praza 1 da Sección de Instrución conclúe que non hai indicios de que os investigados recibisen "distintas cantidades de diñeiro a cambio de favores que puidesen favorecer a mercantil Vendex"

Europa Press Europa Press
G24.gal 05/01/2026 14:17 Última actualización 05/01/2026 14:38

O Tribunal de Instancia de Ourense arquivou a peza da operación Pokémon en que se investigou o exalcalde socialista Francisco Rodríguez; un edil do BNG, Fernando Varela, e o ex-xefe da Policía Local.

En concreto, nun acto con data de este cinco de xaneiro, o maxistrado da praza 1 da Sección de Instrución conclúe que non hai indicios de que os investigados recibisen "distintas cantidades de diñeiro a cambio de favores que puidesen favorecer a mercantil Vendex".

"Ningunha proba se practicou ao longo da presente instrución á hora de acreditar a realidade de tales afirmacións, máis aló da declaración prestada en sede xudicial por dous coinvestigados", explica o xuíz.

Ao tempo subliña que "ditas declaracións non se consideran suficientes para poder fundar un escrito de acusación, ao non estaren acompañadas de indicios obxectivos que permitan corroborar tales afirmacións, especialmente se se ten en conta que os tres investigados negaron, nas declaracións prestadas en sede xudicial, recibir calquera cantidade a cambio de favores relacionados coa súa actividade profesional".

No auto, o maxistrado incide en que "o feito de que algún dos coinvestigados viaxara a Ourense nun momento determinado non xustifica que esa viaxe fora coa intención de entregar unha determinada suma de diñeiro a algún dos investigados".

Ademais, recalca que "toda a documentación obrante nas actuacións foi elaborada desde a mercantil Vendex, pero non consta que logo se vexa corroborada con efectivas entregas de metálico a autoridades ourensás ou que as mesmas provocasen algún tipo de favorecemento por parte de autoridades ourensás cara á empresa". O auto non é firme e cabe presentar recurso de apelación ante a Audiencia Provincial.

Macrocausa con numerosos políticos salpicados

A operación Pokémon, unha macrocausa xudicial en que se viron salpicados numerosos políticos, foi iniciada en 2012 pola entón titular do Xulgado de Instrución número un de Lugo, Pilar de Lara, quen posteriormente foi apartada do xulgado por dilacións indebidas. Por mor dela só foi condenado o que foi concelleiro socialista do Concello de Lugo e presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil Francisco Fernández Liñares.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade