Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xulgado arquiva a causa do accidente do Marisquiño sen atribuír responsabilidades

O xulgado arquiva a causa do accidente do Marisquiño sen atribuír responsabilidades

O xulgado exclúe de responsabilidade penal o Concello de Vigo e a Autoridade Portuaria polo accidente do paseo de madeira

A resolución non ve xustificada a comisión dun delito por imprudencia

As vítimas deberán reclamar pola vía civil ou contenciosa

G24.gal 23/07/2025 16:47

Nin a Autoridade Portuaria de Vigo nin o Concello son responsables do accidente no concerto do Marisquiño no que resultaron feridas 400 persoas.

Segundo adiantan varios xornais galegos, o auto do xulgado de Instrución número 3 de Vigo conclúe que “non aparece debidamente xustificada a perpetración do delito por imprudencia que deu orixe á causa”.

A maxistrada argumenta que, aínda que existen sentenzas no ámbito contencioso-administrativo que recoñecen a responsabilidade do Concello de Vigo pola falta de mantemento na estrutura de formigón onde se produciu o accidente, este tipo de resolucións non poden condicionar unha decisión penal.

No ámbito penal é necesario determinar unha responsabilidade concreta por culpa, identificando a persoa ou entidade responsable, a acción ou omisión concreta e o nexo causal entre ambos elementos.

A xuíza sinala que, tras a instrución, non se puido comprobar quen é o autor concreto, persoa física ou xurídica, responsable da acción ou do incumprimento do deber de coidado.

Os únicos investigados foron o xefe do servizo de Vías e Obras do Concello de Vigo —que ocupaba o posto como interino desde decembro de 2017, sete meses antes dos feitos, e sen competencias directas no mantemento da zona— e un enxeñeiro municipal xa xubilado, que tampouco tiña entre as súas funcións o mantemento da zona afectada.

As vítimas deberán acudir á vía civil ou contenciosa

O auto recoñece que a documentación sobre as sucesivas cesións de uso do espazo resultou confusa e que, segundo o perito xudicial, ata o ano 2008 estimábase que o material da estrutura tiña carácter permanente, sen que existise normativa específica de inspección e mantemento.

Deste xeito, as vítimas e o Club Náutico de Vigo deberán exercer as súas reclamacións fronte ás aseguradoras ou ás persoas que consideren responsables a través da xurisdición civil ou contencioso administrativa, quedando reservadas estas accións para o seu exercicio polas vías correspondentes.

As partes comparecentes poderán presentar un recurso de reforma no prazo de tres días hábiles, ou un recurso de apelación, ambos a partir do día en que se reciba a notificación desta resolución, asinada o martes 22 de xullo.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade