Publicador de contidos

Publicador de contidos

Reabren o caso do accidente do Marisquiño

Reabren o caso do accidente do Marisquiño

A Audiencia de Pontevedra estima en parte os recursos de apelación de varios feridos

350 persoas quedaron feridas cando cedeu a estrutura do peirao vigués en que se estaba celebrando un concerto en agosto de 2018

G24.gal 13/12/2023 11:32

A sección quinta da Audiencia Provincial de Pontevedra, con sede en Vigo, ordenou a reapertura do caso do accidente do festival O Marisquiño 2018 ao entender que a resolución do Xulgado de Instrución número 3 de Vigo na que se decretaba o sobresemento provisional do mesmo non estaba "suficientemente motivada".

No seu auto, a Audiencia estima en parte os recursos de apelación formulados polas representacións de varios feridos, deixando sen efecto a resolución do Xulgado de Instrución "a fin de que se dite unha nova resolución suficientemente motivada".

Foi en xaneiro de 2023 cando se arquivou a causa do accidente do Marisquiño 2018, onde quedaron feridas máis de 350 persoas despois de que cedera a estrutura do peirao onde se estaba celebrando un concerto. Os feitos ocorreron o 13 de agosto dese ano, día en que se produciu a derruba da estrutura de formigón situada baixo o escenario.

Na resolución do Xulgado de Instrución, a xuíza indicaba que durante a investigación non quedou "debidamente xustificada" a perpetración do delito por imprudencia que motivou a formación da causa.

No seu recurso, os feridos alegaron que, aínda cando non existise normativa específica sobre a falta de coidado e mantemento, "o sentido común e normas xerais sobre mantemento de calquera propiedade, instalación ou construción son suficientes para entender que existiu unha imprudencia grave".

Tamén criticaban que non se valoraron nin se tiveron en conta as dúas sentenzas da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) sobre o asunto, declaradas firmes polo Tribunal Supremo, que apuntaban á responsabilidade do Concello na falta de coidado e mantemento da estrutura de formigón.

Outra das vítimas alegou "falta de motivación" e "omisión de práctica de dilixencias de proba solicitadas polas partes" da resolución que arquivaba o caso. Por todo iso, agora a Audiencia reabriu o caso, a pesar de que a "gran maioría" dos afectados xa aceptaron a indemnización ofrecida polas compañías de seguros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade