O xuízo contra David Sánchez queda visto para sentenza
O irmán do presidente do Goberno non fixo uso do dereito á última palabra
O expresidente da Deputación de Badaxoz, Miguel Ángel Gallardo, decidiu facer uso do seu dereito e asegurou que "xa gañaron o xuízo social, condenáronos socialmente"
O xuízo pola contratación de David Sánchez, irmán do presidente do Goberno, na Deputación de Badaxoz quedou visto para sentenza tras concluír a lectura dos informes definitivos das defensas que piden de forma unánime a absolución para os once acusados.
No dereito á última palabra, que David Sánchez declinou exercela, o expresidente da Deputación pacense Miguel Ángel Gallardo afirmou que "a única culpabilidade" dos once acusados é "non ter as mesmas ideas (políticas) que as acusacións populares", entre as que figuran as do PP, Vox e HazteOír.
A xuízo de Gallardo, para quen se pide ata seis anos de prisión polos delitos de prevaricación e tráfico de influencias, as acusacións populares non tiñan interese no que pasaba no plenario, pois só buscaron "o xuízo mediático paralelo".
"Gañaron o xuízo socialmente", agregou.
Tamén interviñeron no seu dereito de última palabra tanto o que fóra deputado provincial de Cultura Francisco Martos como o actual, Ricardo Cabezas; o director desta mesma área, Manuel Candalija, e o funcionario Félix González.
"O calvario que pasei", en alusión ao xuízo en sala e ao mediático, "non o merezo", dixo este último, cuxas palabras foron apoiadas por Candalija ao criticar "o acoso mediático" ao que se viu sometido.
Tanto Martos como Cabezas defenderon o labor das Deputacións provinciais á hora de estender e apoiar a cultura nos municipios. "Véxome aquí (no banco dos acusados) e non o acabo de entender", manifestou Martos ante a sala.
Sete sesións de xuízo e 40 testemuñas para concluír se se creou un posto á medida do irmán do presidente do Goberno, como defenden as acusacións. Ou se, finalmente, non hai probas de irregularidades, como aseguran as defensas e a Fiscalía.
"Todos obraron conforme a legalidade", di desde as defensas Raúl Morillas.
David Sánchez enfróntase a seis anos de cadea. É o que piden para el seis da sete acusacións populares por delitos de prevaricación e tráfico de influencias.