Publicador de contidos

Publicador de contidos

O xuíz Peinado propón que Begoña Gómez sexa xulgada por un xurado popular por malversación

O xuíz Peinado propón que Begoña Gómez sexa xulgada por un xurado popular por malversación

Cita a declarar a muller do presidente do Goberno o vindeiro sábado ás 18 horas para concretar tanto a súa imputación como a da súa asesora Cristina Álvarez e a do delegado do Goberno en Madrid, Francisco Martín

Bolaños: "Un tribunal imparcial poñerá as cousas no seu sitio"

Feijóo afirma que o argumento do Goberno da persecución xudicial xa non vale como resposta e ve a Sánchez sentenciado politicamente

Peinado demanda a Marlaska e Puente e esíxelles retractarse das súas acusacións de prevaricación

Eduardo Parra/Europa Press
G24.gal 24/09/2025 09:25 Última actualización 24/09/2025 13:24

O xuíz Juan Carlos Peinado propuxo que Begoña Gómez, muller do presidente do Goberno, sexa xulgada ante un xurado popular por un presunto delito de malversación no nomeamento da súa asesora en Moncloa, Cristina Álvarez, e citouna o vindeiro sábado pola tarde para concretar a súa imputación.

No auto o maxistrado acorda a transformación da peza separada na que investigaba este delito "en procedemento para o xuízo ante o tribunal do xurado" respecto a Begoña Gómez, á súa asesora Cristina Álvarez e tamén respecto ao delegado do Goberno en Madrid, Francisco Martín.

Aos tres cítaos este sábado ás 18:00 horas, como prevé a lei no caso dos procedementos con xurado, para "concretar a imputación" contra eles, segundo o auto, que pode ser recorrido. Neste momento procesual as partes poden propoñer aínda dilixencias.

Di Peinado no seu auto "que se cumpre co requisito da verosimilitude dos feitos que ata o de agora non podía determinarse dunha forma concreta", e que existen "indicios racionais, fundados e sólidos da comisión de feitos delituosos" para dar este paso.

Con todo, a Audiencia Provincial de Madrid aínda ten pendente resolver varios recursos contra resolucións que o xuíz Peinado foi adoptando tanto nesta peza separada como na investigación principal, incluída a súa decisión -adoptada en agosto- de imputar a Begoña Gómez un delito de malversación polo nomeamento da súa asesora en Moncloa en 2018.

Ademais, Peinado ten sobre a mesa, desde o pasado día 16, os correos electrónicos achegados polo que fora vicerreitor de Relacións Institucionais da Universidade Complutense de Madrid (UCM), Juan Carlos Doadrio, co que pretende esclarecer o rol que exercía a asistente de Gómez.

Á marxe do paso dado polo maxistrado nesta peza separada, apenas dúas semanas despois de que tanto Begoña Gómez como a súa asesora declararan no xulgado, continúa a instrución da causa principal, aberta en abril de 2024, na que o xuíz investiga á esposa do presidente do Goberno por presuntos delitos de tráfico de influencias, corrupción nos negocios, intrusismo e apropiación indebida.

No auto, o xuíz relata como abriu a peza separada o 10 de marzo de 2025 e tomou declaración como testemuña ao actual ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix Bolaños, por ser secretario xeral de Presidencia do Goberno cando se nomeou a Cristina Álvarez en xullo de 2018 (logo propuxo investigarlle pero o Tribunal Supremo rexeitouno).

Engade que o pasado día 10 "ningunha das dúas investigadas contestaron a pregunta algunha que lle puidese formular, ben este instrutor ou a representación das acusacións populares, e mesmo o representante do Ministerio Fiscal ou calquera dos letrados da defensa (...) que puidesen esgrimir argumentos no seu descargo". E fai fincapé en que a Audiencia Provincial avalou esta parte da investigación en xuño.

Tamén deixa claro que "inicialmente se considerou que non procedía a admisión a trámite da querela indicada", presentada por Vox por malversación contra Gómez e Álvarez, pero argumenta que "a delimitación do obxecto do proceso é de cristalización progresiva", a investigación vai determinando o desenlace e, por tanto, non houbo "vulneración do principio de expectativas lexítimas".

No seu auto, o xuíz Peinado explica que o delito desta peza separada, o de malversación de fondos públicos, compete a un xurado popular, segundo a lei do Tribunal do Xurado, que data de 1995.

En principio, esta peza xulgarase por separado da causa principal na que se investigan delitos como o de apropiación indebida ou corrupción nos negocios, aínda que cabe a posibilidade de que o maxistrado expoña a acumulación nun só xuízo se entende que se trata de delitos conexos.

A lei do xurado delimita os delitos nos que actúa un xurado popular, cuxa función é emitir un veredicto, que indica se está probado ou non o feito que se xulga, e determinar a culpabilidade e inculpabilidade de cada acusado para que, a continuación, o maxistrado que preside a sala dite sentenza. Ademais, contémplase que o xuíz devolva o veredicto ao xurado se este inclúe defectos ou pronunciamentos contraditorios.

Este tipo de tribunal está formado por nove cidadáns que actúan como xurados e polo maxistrado da Audiencia Provincial, neste caso a de Madrid, que o preside.

Os cidadáns que compoñen estes tribunais son elixidos por sorteo e teñen o deber de actuar como xurados, aínda que hai unha serie de motivos polos que poden escusarse e varias incompatibilidades para excluír a determinados cargos públicos e xurídicos, así como a persoas que poidan ter interese na causa. 

Peinado demanda a Marlaska e Puente e esíxelles retractarse das súas acusacións de prevaricación

O xuíz Peinado presentou unha demanda de conciliación dirixida contra os ministros de Interior, Fernando Grande-Marlaska, e Transportes, Óscar Puente, na que lles esixe que se retracten das que considera que son acusacións de prevaricación cara a el.

O titular do Xulgado de Instrución Número 41 de Madrid emprendeu accións legais para reclamar que se celebre un acto de conciliación con ambos os cargos do Goberno como paso previo para presentar unha querela por presuntos delitos de inxurias e calumnias.

Cabe lembrar que ningún dos dous ministros están obrigados a acudir persoalmente ao acto de conciliación, tendo en conta que nestes casos vale con que estean presentes os seus avogados ou procuradores.

Foi o pasado 4 de xullo, o ministro do Interior asegurou que Peinado levaba a cabo unha "investigación prospectiva allea aos principios dun procedemento penal" que quedaba "extramuros" e causaba indefensión a Begoña Gómez, algo que manifestou que non viu en 30 anos exercendo como xuíz.

Pola súa banda, Puente manifestou nunha entrevista a eldiario.es o pasado 30 de xullo que a instrución era "unha viaxe a ningunha parte, basta, miserable e unha nulidade de libro". Ademais, apuntou que o xuíz tiña "un propósito claro": "entrar na Moncloa e gravar ao presidente do Goberno declarando nunha causa penal, aínda que sexa en condición de testemuña".

Peinado tamén presentou demandas de conciliación contra o analista Antón Losada e contra a Cadena SER.

Bolaños: "Un tribunal imparcial poñerá as cousas no seu sitio"

O ministro de Presidencia, Xustiza e Relacións coas Cortes, Félix bolaños, mostrouse convencido de que "un tribunal imparcial poñerá as cousas no seu sitio" no caso de Begoña Gómez, a esposa do presidente do Goberno, como xa fixo o Supremo cando arquivou a petición do xuíz Carlos Peinado de imputarlle a el.

"O sistema de recursos no noso país é moi garantista", subliñou nos corredores do Congreso ao ser preguntado pola proposta de Peinado que a muller do presidente do Goberno sexa xulgada ante un xurado popular por un presunto delito de malversación. 

Bolaños lembrou que o Supremo xa "puxo as cousas no seu sitio" cando Peinado, instrutor da causa contra Begoña Gómez, pediu que se lle investigase ao entender que había "indicios razoables, sólidos e cualificados" de que cando era secretario xeral de Presidencia puido incorrer en delitos de malversación -en calidade de coautor- e de falso testemuño. O alto tribunal considero que no escrito do xuíz había unha "absoluta ausencia de calquera indicio minimamente fundado ou dotados de mínima verosimilitude da participación" de Bolaños neses delitos. 

Feijóo cre que Sánchez xa está sentenciado politicamente e pide aos socios reaccionar

O líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, dixo este mércores que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, xa está sentenciado politicamente e pediulle que deixe de utilizar "a persecución xudicial" como resposta a todo, á vez que chamou aos socios de Goberno a actuar.

"A responsabilidade penal de cada un acabará dirimíndoa a xustiza, pero a responsabilidade política está sentenciada e Sánchez é o responsable desta lameira", afirmou o líder popular nunha conferencia de prensa no Congreso. Segundo Feijóo, a resposta de Sánchez a todo é a "persecución xudicial" e xa é hora de que se busque "outra cortina de fume" porque esta "xa non coa".

Feijóo dirixiuse tamén directamente aos socios de Goberno, a quen lles pregunte por que sosteñen "a unha persoa coa corrupción que ten ás súas costas". "Como é posible que ningún dos socios deste Goberno poña fin a este disparate?", preguntoulles. 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos