Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Supremo avala a súa decisión sobre Ence en informes ambientais favorables

O Supremo avala a súa decisión sobre Ence en informes ambientais favorables

O voto particular dunha maxistrada na sentenza sobre Ence advirte do "dano irreversible" ao litoral

A empresa celebra que o Tribunal "despexe a incerteza"

O concello advirte que "seguirá loitando" por recuperar a ría

G24.gal 08/03/2023 13:27 Última actualización 08/03/2023 17:43

O Tribunal Supremo deu a coñecer o contido íntegro da sentenza, contra a que non cabe recurso, sobre Ence en Pontevedra, que revoga os fallos da Audiencia Nacional e confirma a autorización de que siga ocupando terreos de Costas ata 2073.

O Supremo determina que as concesións sobre o dominio público marítimo-terrestre que, como a da fábrica pasteira, foron outorgadas en base a dereitos anteriores á entrada en vigor da actual Lei de Costas, "teñen dereito dunha prórroga de ata 75 anos".

Este prazo, subliñan os maxistrados, debe computar desde a data de concesión da prórroga, "mantendo o mesmo réxime de uso e actividade" e sempre que teñan un informe ambiental favorable do órgano competente, neste caso a Xunta de Galicia.

No caso de Ence, o permiso que lle outorgou en 2016 o goberno en funcións, que por aquel entón presidía Mariano Rajoy, permite que a fábrica seguise ocupando terreos de Costas na ría de Pontevedra ata o ano 2073, xa que se solicitou en 2013 por 60 anos.

A sentenza conclúe que a "única xustificación" da Audiencia Nacional para rexeitar a prórroga de Ence era que, en base á Lei de Costas, a fábrica non tiña necesariamente que situarse no litoral, pero sostén que o informe ambiental exime desta limitación legal.

Este ditame non é unánime, xa que unha das relatoras discrepa da decisión e dos fundamentos que a sustentan

A maxistrada a maxistrada Ángeles Huet que emitiu voto particular na sentenza que avala a prórroga á fábrica de Ence na ría de Pontevedra considerou que se debía confirmar a decisión da Audiencia Nacional de anular esta concesión, para o que fai referencia ao "dano" da actividade da planta de celulosas no litoral sobre o que se asenta.

No ditame, que se deu a coñecer este mércores, esta maxistrada advirte de que "non pode esquecerse que a prórroga extraordinaria da que aquí se trata, que (...) afecta usos incompatibles co dominio público marítimo terrestre, ten unha duración de ata 75 anos que se superpoñen aos 30 anos que derivan do réxime transitorio da Lei de Costas de 1988".

Ademais, "en supostos como o de autos, engadiríanse, ademais, ao período que vai desde o outorgamento da concesión, en moitos casos para mediados do século XX ou mesmo antes".

Sobre esta "extensión temporal", segundo lembra a maxistrada que emitiu o voto particular, "chamou a atención o Consello de Estado". Así, apunta a un ditame co que advertía de que "vai acabar producindo un sistema transitorio dun século de duración, co impacto potencialmente irreversible sobre estes ecosistemas tan delicados", o que "pode facer irreversible o dano causado" ao dominio público marítimo terrestre "impedindo a súa conservación e a sustentabilidade do seu uso ou xerando enormes custos a longo prazo na súa rehabilitación ou restauración, coas consecuentes consecuencias económicas que un principio de valorización a curto prazo impide previr".

Estas "razóns" enténdeas a maxistrada "máis que suficientes para ser tidas en conta" na interpretación que propón "en harmonización dos diversos valores e bens constitucionais en xogo".

Hai un mes transcendeu que a sección quinta da sala do contencioso-administrativo do Tribunal Supremo estimou os recursos presentados por Ence e outras entidades contra as sentenzas da Audiencia Nacional que anularon a prórroga que determinaba a continuidade da factoría na ría de Pontevedra ata o ano 2073.

A empresa celebra que o Tribunal "despexe a incerteza"

A compañía considera que a sentenza íntegra  "avala a validez" da prórroga e "despexa a incerteza" sobre o futuro do complexo industrial. 

Nun comunicado Ence incide en que  o posicionamento do Supremo deixa "sen valor e sen efecto" os ditames da Audiencia Nacional que anulara esa autorización baseándose na lei de Costas. Engade tamén que a sentenza é "firme e senta xurisprudencia".

O Concello advirte que "seguirá loitando" por recuperar a ría

O alcalde de Pontevedra asegura que o concello vai "seguir loitando" por recuperar a ría e analizará as posibilidades xurídicas "que se abren" tras a sentenza.

Tras coñecer o contido da sentenza, Fernández Lores, pediulles aos pontevedreses que "non perdan a esperanza" porque o goberno municipal esgotará todas as posibilidades legais para reverter esta decisións. O recurso ao Tribunal Europeo, é unha delas segundo puntualizou o alcalde nacionalista.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade