Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rebaixan de 23 a 20 anos a pena do condenado polo crime machista das Gándaras

Rebaixan de 23 a 20 anos a pena do condenado polo crime machista das Gándaras

Os maxistrados lembran na resolución "a constante xurisprudencia do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional sobre a necesidade de motivación das sentenzas en canto á extensión da pena"

G24.gal 04/01/2023 13:23

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rebaixa de 23 a 20 anos a pena do condenado polo crime machista das Gándaras. Admite así, en parte, a apelación da súa defensa e rebaixa en tres anos tanto a condena de prisión coma a de afastamento dos familiares da vítima.

Tal e como explican nun comunicado, o Alto Tribunal impúxolle a prohibición de aproximación ou comunicación, por calquera medio, coa nai, fillos e irmán da vítima por un período de 30 anos, en lugar de polos 33 fixados na sentenza de primeira instancia.

A Sala do Civil e Penal do TSXG, que estimou o recurso presentado polo condenado, explica que no fallo emitido pola Audiencia Provincial de Lugo "non existe" a motivación sobre a determinación da pena. "Non hai nin unha soa referencia a circunstancias relativas ao autor ou ao propio feito sobre as que asentar unha condena a 23 anos de prisión", recalca.

Os maxistrados lembran na resolución "a constante xurisprudencia do Tribunal Supremo e do Tribunal Constitucional sobre a necesidade de motivación das sentenzas en canto á extensión da pena". Indican tamén que a morte aleivosa "xa resulta considerada na propia penalidade ordinaria do asasinato", así como que a relación sentimental "tamén foi tida en conta na apreciación da agravante de parentesco".

Os xuíces destacan que o resto dos elementos que figuran na sentenza da Audiencia Provincial de Lugo, entre eles "buscar unha coartada, limpar a escena do crime ou obstaculizar a acción policial", son "actos que non fundamentan unha maior antixuridicidade ou culpabilidade dignas de ser retribuídas á alza". Por conseguinte, estimaron o recurso de apelación e rebaixaron a pena.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade