O TSXG ratifica a condena de 28 anos a un home por agredir sexualmente dúas fillas menores da súa parella
O TSXG ratifica a condena de 28 anos a un home por agredir sexualmente dúas fillas menores da súa parella
Tiñan entre 12 e 13 anos no momento dos feitos
Audiencia Provincial de Ourense/Foto de arquivo/Europa Press
A Sala do Civil e Penal do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ratificou a condena da Audiencia de Ourense a 28 anos de cárcere a un home por agredir sexualmente, de maneira continuada, as dúas fillas da súa parella, que tiñan entre 12 e 13 anos no momento dos feitos.
Entre maio de 2022 e ata abril de 2023, o home, de nacionalidade portuguesa, agrediu as menores "en incontables ocasións e practicamente a diario, aproveitándose da absoluta confianza" que a súa parella tiña nel -levaban xuntos máis de dez anos- para deixalas ao seu cargo.
O home aproveitaba que quedaba no domicilio só coas menores para realizarlles tocamentos e mesmo penetralas vaxinalmente.
En abril de 2023, unha das nenas contoulle á súa nai o que ocorría e o acusado, tras unha discusión coa entón parella, na que asegurou que era ela a que se metía na cama con el, abandonou o domicilio. A nai presentou denuncia dous días despois e o home, tras a súa detención, ingresou en prisión provisional.
O TSXG desestima o recurso do condenado a unha sentenza da Audiencia de Ourense, que fixaba 14 anos de prisión por cada un dos dous delitos continuados de agresión sexual a menores de 16 anos, á vez que fixaba non poder aproximarse nin comunicarse coas vítimas durante 24 anos.