Publicador de contidos
Publicador de contidos

O tripulante número 25 que embarcou no Villa de Pitanxo transbordou o Río Caxil en Terra Nova

O tripulante número 25 que embarcou no Villa de Pitanxo transbordou o Río Caxil en Terra Nova

Non partira no seu barco días antes porque estaba enfermo

O traslado en mar aberto ata o seu posto de traballo realizouse días antes do naufraxio

G24.gal 14/12/2022 14:00

O mariñeiro non notificado no despacho do Villa de Pitanxo fixo transbordo en alta mar, en augas do caladoiro de Terra Nova, ao Río Caxil, o buque onde traballaba, segundo confirmaron distintas fontes á Televisión de Galicia. Non embarcara días antes nel porque estaba enfermo.

O mariñeiro saíu, polo tanto, uns días despois, a bordo do Pitanxo, onde conviviu coa súa tripulación durante os sete días de traxecto entre Vigo e o caladoiro de NAFO. Alí fixo o transbordo ao seu barco, o Río Caxil, para incorporarse ao seu posto de traballo.

Este tránsito de mariñeiros entre barcos que faenan na mesma zona "é habitual", segundo constatan varios profesionais do mar. Os pesqueiros son en ocasións o seu medio de transporte cara ao destino no mar cando por algún motivo non saen na súa embarcación. Unha circunstancia que está prevista na lexislación e que obriga, igualmente, a ser notificada como "persoal alleo á dotación".

Con todo, a representación legal do grupo armador do Villa de Pitanxo confirmou que ese precepto legal non se cumpriu. Atribuíu esa irregularidade a un "erro meramente administrativo", por tratarse dunha "decisión de última hora".

O Río Caxil foi un dos arrastreiros que participou activamente na busca dos desaparecidos cando se produciu o naufraxio do Villa de Pitanxo. Nesas tarefas de busca tamén estaba a bordo o xa chamado tripulante número 25, polo que o seu testemuño pode botar luz para averiguar cales eran as circunstancias de vida e habitabilidade nun pesqueiro con tres persoas máis a bordo das autorizadas.

O Río Caxil permanece agora no porto de Vigo. Alí realízanse traballos de mantemento e reparacións para a súa posta a punto cara á próxima marea. O 9 de xaneiro partirá de novo cara o caladoiro de Terra Nova.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade