Publicador de contidos

Publicador de contidos

O tráfico pesado da A-6 non poderá circular por Pedrafita cando neve

O tráfico pesado da A-6 non poderá circular por Pedrafita cando neve

Os camións serán desviados pola N-120 e a CG-2.2 e terán que pasar por Sarria, cun rodeo de 55 quilómetros

O sector denuncia que perderán máis tempo e o rodeo implicará un incremento de custos

Félix Aragunde 29/09/2022 14:14 Última actualización 29/09/2022 17:33

Tan só 15 días despois de abrir ao tráfico, Transportes propón agora prohibir o transporte de mercadorías e usar o novo desvío da A-6 en Pedrafita cando haxa aviso de neve. O motivo é a perigosidade do treito.

Ante a posibilidade de que os camións queden atascados nas ramplas que substitúen o viaduto caído en Pedrafita, cando haxa alerta amarela por neve o tráfico pesado vai ser desviado da autovía A-6 á altura de Toural dos Vaos. Así o establece o protocolo do ministerio de Transportes:

Os vehículos pesados que circulen pola A-6 en sentido A Coruña deberán abandonar esta vía no P.K. 400, ligazón de Toural dos Vaos (León) e utilizar as estradas N-120 (ata A Pobra do Brollón, Lugo), LU652 (ata Bóveda, Lugo) e CG 2.2, retornando á A-6 no PK 488, ligazón de Nadela.

Esquema das estradas afectadas polo desvío Esquema das estradas afectadas polo desvío

Ese tipo de vehículos terán, daquela, que circular pola N-120 e pola vía de altas prestacións entre Lugo e Monforte, pero resulta que esta vía actualmente tamén está cortada no tramo entre A Pobra de San Xiao e Sarria, posto que está en obras para transformarse en autovía.

Os veciños de Sarria, que soportan agora máis tráfico, piden que se aceleren os traballos na nova autovía. Agardan que cando cheguen as nevadas non teñan que pasar os camións da A-6 por esta vila.

O desvío provisional dos vehículos pesados por Valdeorras, Quiroga e Sarria manterase activo, previsiblemente, durante varios invernos.

O sector di que a nova ruta é máis lenta, máis longa e conleva máis custos

Da perigosidade do treito asegura o sector que o advertira antes de construílo. "Fixeron caso omiso e non fixo falta que chegaran as primeras neves para ver os problemas", asegura José Fernández de Tradime.

"O problema é Pedrafita pero cortan 80 quilómetros da autovía", engaden desde Tradime. Para os que van en ruta o desvío "é un atraso, estamos baixo un tacógrafo e as horas son contables"..

"Quen vai compensar todos os gastos, de gasóleo, de rodas?", cuestiona un camioneiro, ao que engade outro: "é unha hora máis e cen euros máis por viaxe".

Os transportistas cren que a mellor solución sería desviarse á nacional VI catro quilómetros antes de chegar a Pedrafita e atravesar a vila.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade