O terrazo foi tendencia no deseño de interiores nos últimos anos
Agora o seu estilo saltou ás vivendas de luxo como elemento apreciado na decoración contemporánea
Quen non ten algún terrazo na casa ou na memoria? Pois nos últimos anos, aqueles característicos solos de conglomerado convertéronse en tendencia no deseño de interiores. De estar tradicionalmente relacionados coa arquitectura popular pasaron a aparecer agora en vivendas de luxo.
Con multitude de deseños, novos e vellos, foron aparecendo novos materiais que se empregan en lousas máis finas, lixeiras e de maior tamaño ca as do terrazo clásico. Ofrecen distintas posibilidades na decoración contemporánea, servindo tanto para poñer o pavimento coma para vestir as paredes co mesmo material.
Mais tamén atopamos quen conserva a técnica do terrazo corrido, unha artesanía que estivo a piques de desaparecer e que hoxe poucos saben traballar en Galicia. Contan que é sostible e moi duradeiro, que para mantelo abonda con puílo cada poucas décadas, e que por iso o terrazo é infinito.