O Supremo envía a xuízo a Ábalos, Koldo e Aldama polos contratos das máscaras
O maxistrado instrutor do caso acorda manter en prisión o exministro e o que fora o seu asesor
Arquivo (Europa Press)
O maxistrado do Tribunal Supremo Leopoldo Puente acordou a apertura de xuízo oral contra o exministro José Luis Ábalos, o seu exasesor Koldo García, que seguirá en prisión preventiva, e contra o empresario Víctor de Aldama por presuntas comisións irregulares en contratos de máscaras.
Puente ditou un auto no que os envía a xuízo polos delitos de integración en organización criminal, suborno continuado activo e pasivo, uso de información privilexiada, aproveitamento de información privilexiada, tráfico de influencias, malversación de fondos públicos, falsidade en documento oficial e prevaricación.
Ademais, imponlles 60.000 euros de fianza a fin de asegurar as responsabilidades pecuniarias que puidesen serlles impostas e advírteos de que, de non a presentaren no prazo de cinco días, lles serán embargados bens en cantidade suficiente para asegurar a dita suma.
O instrutor acorda manter as medidas cautelares que pesan sobre os tres acusados. Desta forma, o exministro e o seu exasesor continuarán en prisión preventiva, na que ingresaron o pasado 27 de novembro, e Víctor de Aldama continuará coas súas comparecencias quincenais, retirada do pasaporte e prohibición de saír do país.
Puente dá un prazo de dez días ás súas defensas para que presenten os seus escritos con expreso apercibimento de que, se non os presentaren dentro do prazo establecido, entenderase que se opoñen ás acusacións e seguirá o seu curso o procedemento.
A Fiscalía pide 24 anos de cárcere para o exministro, 19 e medio para o seu exasesor e 7 para Aldama por esta parte do caso, na que sospeita que se concertaron para obter un común beneficio económico na contratación pública de empresas captadas por este último, aproveitando o cargo de Ábalos no Goberno e no PSOE como secretario de Organización.
Trátase do primeiro xuízo do caso Koldo, que ten outra peza aberta no Supremo por presuntos amaños en adxudicacións públicas que afecta tamén ao exsecretario de Organización do PSOE Santos Cerdán, e dúas máis na Audiencia Nacional, unha das cales investiga os pagos en efectivos do Partido Socialista.
24 horas despois de que a Sala confirmase o seu procesamento
Puente abriu xuízo oral tan só un día despois de que a Sala de Apelación do Supremo avalase o sólido e robusto cadro indiciario polo que o xuíz propuxo sentar no banco o exministro, o seu exasesor e o presunto comisionista Víctor de Aldama.
Os maxistrados ven suficientemente xustificada a perpetración dos feitos que se lles imputan e aluden ao robusto arsenal indiciario recompilado na súa contra, sen que as dilixencias propostas nos recursos derruben as razóns expostas polo xuíz no seu procesamento, nin na máis optimista das previsións.
Precisamente, a decisión da Sala motivou este mércores que a Mesa do Congreso aprobase a suspensión dos dereitos e deberes parlamentarios do exministro José Luis Ábalos en virtude do artigo 21.2 do Regulamento da cámara baixa.
Ese precepto sinala que os parlamentarios quedarán suspendidos dos seus dereitos e deberes cando haxa un auto de procesamento firme e estean en situación de prisión preventiva, como é o caso.