Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Garda Civil detén a Antxon Alonso, o socio de Cerdán, na operación en que foi arrestada Leire Díez

A Garda Civil detén a Antxon Alonso, o socio de Cerdán, na operación en que foi arrestada Leire Díez

A UCO pide documentación a SEPI, Sepides, Enusa e Mercasa tras a detención de Leire Díez

A vicepresidenta Montero di que non coñecía Servinabar e que non teme o que poida dicir Díez

A policía detén o presidente e o CEO de Plus Ultra, a aeroliña rescatada polo Goberno na pandemia

Imaxe de arquivo de Antxon Alonso na súa comparecencia no Senado polo caso Koldo en xullo de 2025 (Europa Press)
G24.gal 11/12/2025 09:20 Última actualización 11/12/2025 19:47

A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil detivo este mércores a Antxon Alonso, o socio do exsecretario de Organización do PSOE Santos Cerdán, na mesma operación en que tamén foron arrestados a exmilitante do PSOE Leire Díez e o expresidente da Sociedade Estatal de Participacións Industriais (SEPI) Vicente Fernández por presuntas irregularidades en contratacións públicas.

Fontes da investigación confirmaron a Europa Press, ademais, que, este mesmo xoves, os axentes están a practicar rexistros en Madrid, Sevilla e Zaragoza relacionados con empresas vinculadas a Servinabar, a mercantil que segundo as pescudas da UCO está vinculada a Cerdán.

As citadas fontes engadiron que non hai previstos detidos nesta nova fase das dilixencias do Instituto Armado.

Os detidos poden pasar á disposición xudicial nun prazo máximo de 72 horas, polo que deberán comparecer ante a Audiencia Nacional entre este xoves e o sábado. Será entón cando o titular do Xulgado Central de Instrución Número 6, Antonio Piña, decida se os envía a prisión provisional ou se os deixa en liberdade con ou sen medidas cautelares.

Os tres están sendo investigados por presuntos delitos de prevaricación, malversación, tráfico de influencias e organización criminal, segundo informaron fontes xurídicas, e atópanse detidos en dependencias da Comandancia da Garda Civil en Tres Cantos (Madrid).

Os rexistros e as detencións forman parte dunha operación en marcha que manteñen os axentes da UCO por orde do xuíz, no marco dunha causa que permanece baixo segredo de sumario e foi impulsada pola Fiscalía Anticorrupción.

Os tres investigados

Antxon Alonso, detido onte en Biscaia, xa estaba a ser investigado no Tribunal Supremo pola súa relación coa presunta trama de corrupción en que estaría implicado Santos Cerdán, co que asinou unha escritura de compravenda polo 45 % das accións de Servinabar, aínda que o exdirixente socialista asegura que nunca se fixo efectiva.

Segundo o último informe que presentou a UCO no Supremo, Cerdán, a través de Servinabar, quedaba cun 2 % de cada adxudicación que lograba a construtora Acciona, unha empresa que ten varios exdirectivos investigados pola súa presunta relación coa trama do caso Koldo que supostamente lograría contratos por medio da "indebida influencia" do exdirixente socialista.

Leire Díez pola súa banda, á que tamén se relaciona con Cerdán, estaba xa sendo investigada polo Xulgado de Instrución número 9 de Madrid por delitos de suborno e tráfico de influencias debido a presuntas manobras contra membros da Fiscalía Anticorrupción ou altos mandos da Garda Civil, como o tenente coronel da UCO Antonio Balas.

Díez, extraballadora das empresa públicas Enusa e de Correos, que dependen da SEPI, enmarcou os seus movementos nunha investigación xornalística, pero na causa na súa contra figura a gravación dunha reunión mantida co fiscal Ignacio Stampa, na que di ser man dereita de Santos Cerdán e a persoa que puxo o PSOE para investigar posibles irregularidades.

Vicente Fernández tamén está relacionado con Servinabar, empresa en que traballou despois de dimitir en 2019 como presidente da SEPI ao ser imputado por un suposto amaño no concurso internacional que adxudicou á empresa México-Minorbis a explotación na reserva mineira de Aznalcóllar (Sevilla), un caso no que resultou absolto do mesmo xeito que o resto dos 16 acusados.

A UCO pide documentación a SEPI, Sepides, Enusa e Mercasa tras a detención de Leire Díez

A Unidade Central Operativa (UCO) da Garda Civil requiriu este xoves documentación ás empresas públicas SEPI, Sepides, Enusa e Mercasa dentro da operación en que foron detidos a exmilitante socialista Leire Díez, o expresidente de SEPI Vicente Fernández e o empresario Antxon Alonso.

Fontes próximas ao caso informaron a EFE destes requirimentos de información dentro das pescudas que dirixe o xuíz da Audiencia Nacional Antonio Piña en coordinación coa Fiscalía Anticorrupción.

No marco desta operación, que se atopa aberta e baixo segredo sumarial, desenvólvense ata 19 rexistros ou requirimentos de información en empresas e domicilios de Madrid, Zaragoza, Sevilla e Navarra.

Os axentes acudiron ás sedes das empresas públicas a requirir información, aínda que no caso de Enusa, onde estivo contratada Leire Díez, tratouse dun rexistro, segundo as fontes.

Ademais desas empresas públicas, os axentes acudiron ás instalacións de Forestalia en Zaragoza e Madrid; á asesoría fiscal Conaudire, na capital aragonesa, ou á empresa Cemsal.

Fontes de SEPI indicaron a EFE que a compañía está a prestar máxima colaboración con este requirimento de información.

Montero afirma que descoñecía Servinabar e di non temer declaracións de Díez

A vicepresidenta primeira do Goberno, María Jesús Montero, asegurou no Congreso que non coñecía as actividades de Servinabar, a empresa navarra vinculada con Santos Cerdán, e que soubo da súa existencia pola prensa ao iniciarse o caso Koldo.

Afirmou que non teme o que poida declarar ante o xuíz a exmilitante socialista Leire Díez e desvinculouse do expresidente da SEPI detido, Vicente Fernández, con quen di non manter relación desde que deixou o cargo.

Montero respondeu así ao ser preguntada pola operación policial que levou á detención de Fernández, Díez e o empresario Antxon Alonso.

Sobre Vicente Fernández, nomeado por ela como presidente da SEPI ao inicio do Goberno de Pedro Sánchez, insistiu en que non conserva ningún contacto con el desde a súa saída do organismo. Lembrou que permaneceu pouco máis dun ano no cargo e que deixou de ter relación con el hai máis de seis anos.

Desde o Ministerio de Facenda lembraron que a propia Montero o cesou cando foi imputado polo caso Aznalcóllar, do que finalmente resultou absolto. Engaden que a súa curta permanencia na SEPI limitou a súa capacidade para establecer contactos relevantes.

O PP pide a Sánchez eleccións, ante un Goberno que "voa polo aire" pola corrupción

O secretario xeral do PP Miguel Tellado pediu este xoves ao presidente do Goberno Pedro Sánchez que convoque eleccións, nun momento no que o Executivo está "a voar polo aire" pola explosión simultánea de toda a súa corrupción e as súas vergoñas.

En declaracións aos medios no Congreso, repasou o "minuto e resultado" das últimas actuacións, rexistros e detencións da UCO, entre elas as do empresario Antxon Alonso e da exmilitante do PSOE Leire Díez e o expresidente da SEPI Vicente Fernández por presuntas irregularidades en contratos públicos.

"O sanchismo está a ser desarticulado ante toda España en vivo e en directo e en tempo real", afirmou o secretario xeral do PP, quen lle pide ao presidente que asuma responsabilidades políticas polas mil sombras de corrupción que perseguen o seu Goberno.

Ningún dos detidos, agregou, podería presuntamente delinquir sen o nomeamento que Sánchez lles fixo, polo que hai unha responsabilidade política clara que non pode eludir.

Por iso, afirmou Tellado, Sánchez debe anunciar a disolución das Cortes e dar a palabra aos españois nunhas eleccións xerais porque non pode arrastrar o país na súa decadencia.

Segundo o secretario xeral do partido liderado por Alberto Núñez Feijóo, todo o Goberno de Sánchez está baixo sospeita.

Tellado sinalou a vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Facenda María Jesús Montero, cuxa situación comeza a ser xa completamente insostible, ao ser Vicente Fernández a súa persoa de máxima confianza e gran protexido.

"A Montero estáselle poñendo cara de Santos Cerdán", agregou Tellado, quen pediu á vicepresidenta que marche canto antes porque leva máis de 20 anos convivindo coa corrupción, "primeiro cos ladróns dos ERE e agora cos de Sánchez".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade