O Supremo divide o caso Koldo e abre unha liña de investigación específica sobre os presuntos amaños de obra
O Supremo divide o caso Koldo e abre unha liña de investigación específica sobre os presuntos amaños de obra
Explica que a investigación sobre os contratos de máscaras está a piques de concluír mentres que a outra está nunha fase incipiente

O Tribunal Supremo abre unha peza separada do caso Koldo para xulgar os posibles casos de corrupción do exministro José Luis Ábalos e do exsecretario de Organización socialista Santos Cerdán. O maxistrado da sala penal, Leopoldo Puente, ditou un auto en que separa en dúas a investigación.
Por un lado irá a causa inicial, que investiga irregularidades nos contratos de máscaras durante a pandemia, e por outro as condutas que o instrutor considera "aparentemente delituosas vinculadas coa adxudicación de obra pública a cambio de prezo".
O instrutor divide a causa porque, segundo explica, a parte sobre obra pública está nunha fase "aínda moi incipiente", mentres que o resto das pescudas están moi avanzadas, "sendo previsible a pronta terminación da fase de instrución correspondente" a esa parte principal.
Sobre isto, fai fincapé en que a información contida nos diferentes dispositivos intervidos só na casa de Koldo albérgase ao longo de máis de 10 terabytes e "cada un deles permite conservar, aproximadamente, 250.000 fotografías, 250 películas ou seis millóns e medio de páxinas escritas".
Desa inxente cantidade de información resultaron oito audios de conversacións gravadas por Koldo entre 2019 e 2023 que revelan a presunta trama de amaño de obras e que incriminan o exasesor, Ábalos e Cerdán.
Doutra banda, Puente encadra na parte principal todos os feitos alleos á adxudicación de obra pública, como os contratos á empresa Soluciones de Gestión, vinculada a Aldama, para a adquisición de máscaras e mantén como imputados a Aldama, Ábalos e Koldo.