Publicador de contidos

Publicador de contidos

Admiten os recursos contra a sentenza que outorga as estatuas do pórtico da Gloria aos Franco

Admiten os recursos contra a sentenza que outorga as estatuas do pórtico da Gloria aos Franco

O Concello ten 20 días para documentar as súas queixas, no caso da infracción procesual, e os seus argumentos, no recurso de casación

A intención do consistorio é "recuperar o que debe ser un patrimonio de todos", explicou o rexedor

G24.gal 08/04/2022 13:23

O Tribunal Supremo admitiu a trámite os recursos de casación e infracción penal presentados polo Concello de Santiago contra a sentenza da Audiencia Provincial de Madrid que outorga a propiedade das estatuas de Isaac e Abraham do Pórtico da Gloria á familia Franco, un fallo que o alcalde cualificou de "claramente inxusto".  

Anunciouno o rexedor compostelán, Xosé Sánchez Bugallo, nunha conferencia de prensa en que aplaudiu que "estea entreaberta" aínda unha porta que "parecía pechada": a acción xudicial que o Concello mantén contra a familia Franco pola propiedade destas estatuas do Mestre Mateo, que pertencían orixinalmente á anteportada do Pórtico da Gloria e que permanecían desaparecidas desde os anos 50.  

"Esta mañá recibimos a comunicación do Tribunal Supremo, que admite a trámite os dous recursos do concello e abre un novo procedemento tanto por casación como por infracción procesual", dixo Bugallo, que advertiu de que "non se pode cantar vitoria en absoluto".  

O Concello ten 20 días para documentar as súas queixas, no caso da infracción procesual, e os seus argumentos, no recurso de casación. Con iso, mantense unha "leve esperanza" de que o Supremo "poida reparar esa tremenda inxustiza derivada da sentenza da Audiencia de Madrid", que lle recoñece a propiedade á familia Franco, "aínda que esta non puido acreditar en ningún momento" os documentos de posesión das mesmas, mentres que o consistorio entregou "a escritura de compra desas esculturas", dixo o alcalde.

A intención do consistorio é "recuperar o que debe ser un patrimonio de todos", explicou o rexedor, que lamentou que a familia Franco non aceptase a proposta que o Concello realizou hai un ano para que cedesen as esculturas para a súa exposición ao Museo da Catedral.

Sánchez Bugallo asegurou que o concello "seguirá pelexando ata onde poida" e "reclamando a reparación" do que consideran unha "apropiación indebida". "Oxalá isto anticipe un final feliz", destacou.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade