Publicador de contidos
Publicador de contidos

O supermartes deixa a Biden e a Trump ás portas de aseguraren candidatura ás presidenciais

O supermartes deixa a Biden e a Trump ás portas de aseguraren candidatura ás presidenciais

Cada un arrasou nas primarias do seu partido, que se celebraban en quince estados e nun territorio

Nas demócratas volveuse constatar o voto de castigo ao presidente estadounidense polo seu papel na guerra de Gaza

Nas republicanas, o exmandatario sumou a segunda derrota ante Nikki Haley, en Vermont

G24.gal 06/03/2024 06:27 Última actualización 06/03/2024 08:07

Joe Biden e Donald Trump arrasan na maioría de estados e deixan sen opcións os seus rivais nun supermartes sen sorpresas. O presidente estadounidense e candidato á reelección venceu en 14 estados, mentres que Trump o fixo en doce dos quince, logrando a maioría de delegados fronte á súa única rival Nikkei Haley. Con estes resultados, a loita cara á presidencia despéxase en ambos os dous partidos.

Está previsto que ambos os candidatos alcancen os seus respectivos nomeamentos a mediados de marzo, moito antes que noutros ciclos electorais. Así que a carreira presidencial xa está practicamente iniciada. A rival de Trump, Nikki Haley, volveu perder en todos os estados salvo en Vermont, onde un electorado moderado e educado lle deu unha vitoria xusta. Foi o seu premio de consolación. Aumenta a presión no partido para que abandone a súa xesta e permita a Donald Trump concentrar diñeiro e esforzos nas presidenciais. E Joe Biden perdeu por sorpresa contra un descoñecido no territorio de Samoa Americana, onde só votaron noventa e unha persoas. 

O voto de castigo a Biden roza o 20 % en estados como Minnesota

O voto de castigo ao presidente estadounidense Joe Biden, entre outras razóns polo seu apoio a Israel e a súa escasa condena á ofensiva do país sobre a Franxa de Gaza, chegou a rozar este supermartes o 20 % en estados como Minnesota.

Da quincena de estados que celebraban primarias, o que fai que o día sexa coñecido como supermartes, os demócratas tiñan a posibilidade de votar "sen compromiso", equivalente ao voto en branco, en Alabama, Colorado, Massachusetts, Minnesota, Carolina do Norte, Iowa e Tennessee.

Biden, que gañou con folgura esta xornada electoral, recibiu o maior pau da noite en Minnesota, que repartía 75 delegados dos 3.936 que están en xogo para a convención demócrata do próximo agosto en Chicago. Co 88 % escrutado, gañou nese estado co 69,7 % dos sufraxios, pero o voto en branco colocouse en segundo lugar, co 19 %.

En Alabama, con 53 delegados, ese voto de castigo situouse no 6 %. Biden logrou alí o 89,5 % das papeletas co reconto practicamente finalizado. En Colorado, que reparte 72 delegados, ese rexeitamento explícito ao actual inquilino da Casa Branca chegou ao 7,6 %, cando o escrutinio era do 85 %.

En Massachusetts, con 92 delegados en xogo, a vitoria do mandatario foi seguida por un 9,3 % de decepcionados coa súa xestión cando xa se contou o 82 % das papeletas, mentres que en Carolina do Norte, con 116 delegados, a opción que non se decantaba por ningún candidato rozou o 13 %, e en Tennessee, con 63, o 8 %.

Por último, en Iowa, con 40 delegados en liza, o voto en branco chegaba ao 3,9 %, de novo ocupando o segundo posto e deixando ver o impacto que esa opción podería ter nas presidenciais de novembro.

Ata o de agora era Michigan o estado que máis materializara o descontento da cidadanía con Biden. Aínda que o pasado 27 de febreiro gañou alí co 81,1 % dos votos, segundo o 96 % escrutado, ese voto en branco situouse no 13,2 %.

 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade