O subcomité clínico fai un chamamento á prudencia durante a ponte
Preocupa o aumento do ritmo de contaxios en Vigo
A área de Pontevedra sofre unha repunta na véspera dos festivos
Dos 7.000 casos de covid de Galicia, 2.000 están na área sanitaria de Vigo. Por segundo día superáronse os 250 novos positivos e non se albisca un cambio de tendencia.
Ante o crecemento do ritmo de contaxios fan un chamamento aos cidadáns para que extremen as medidas anticovid durante a ponte festiva.
"Ter o menor número posible de contactos, de interacción entre persoas, todo iso deberiamos telo moi presente porque a verdade é que todo isto está causando outra vez unha preocupacion importante, moitos contaxios, moitos ingresos", reclamaba o xerente da área sanitaria, Javier Puente
Unha recomendación que o subcomité clínico estende a toda a comunidade onde este xoves a incidencia subiu 22 puntos ata os 262 casos por cen mil habitantes. A área sanitaria de Pontevedra, destino turístico e onde a covid parecía estar a raia, mostra un preocupante cambio de tendencia nas últimas xornadas.
"Estamos vendo que hai un incremento no número de novos diagnósticos en todos os perfís de idade e sabemos que isto se traduce ao cabo duns días en ingresos hospitalarios" apuntaba Juan Turnes, xefe de hospitalización covid do CHOP.
Pero o doutor tamén lembraba o impacto positivo das vacinas nesta sexta vaga. "Cos 800 casos que temos hai 9 ou 12 meses teriamos 60, 70 pacientes ingresados e estamos falando de 22 e sobre todo 3 na UCI.
Nas cidades a peor situación é a de Ourense que roza os 900 de incidencia, seguida de Vigo con algo menos de 400. Santiago e A Coruña son as urbes galegas con menor transmisión da covid.