O servizo de alta velocidade Madrid-Andalucía reabrirá por completo nuns dez días
Espérase que se poida retomar o servizo na totalidade da liña Madrid-Sevilla o sábado 7 de febreiro. "O noso obxectivo é que estea concluída nun prazo aproximado de 10 días naturais", comenta Óscar Puente
Os traballos na infraestrutura supoñen a reparación da base da vía, a reposición do balastro, os novos carrís e a catenaria, entre outros
Imaxe dun tren de Renfe (EUROPAPRESS/Guillermo Morales)
O Goberno prevé recuperar por completo o servizo da liña de alta velocidade Madrid-Sevilla, interrompida polo accidente de Adamuz (Córdoba), nuns dez días, arredor do próximo 7 de febreiro, despois de recibir xa autorización xudicial para repoñer a infraestrutura no tramo sinistrado.
O ministro de Transportes, Óscar Puente, informou en X de que este martes recibiuse a autorización xudicial para empezar a repoñer a infraestrutura danada no accidente de Córdoba, no que morreron 45 persoas.
En el día de hoy hemos recibido autorización judicial para proceder a reponer la infraestructura en el tramo del accidente de Adamuz. Nuestro objetivo es que esté concluida en un plazo aproximado de 10 días naturales. Tras la reposición se retomará el servicio de la totalidad de…
— Óscar Puente (@oscar_puente_) January 28, 2026
"O noso obxectivo é que estea concluída nun prazo aproximado de 10 días naturais", engade, é dicir, o sábado 7 de febreiro, cando se espera que se poida retomar o servizo na totalidade da liña Madrid-Sevilla.
Os traballos na infraestrutura refírense á reparación da base da vía, a reposición do balastro (as pedras que van sobre a base), os novos carrís e a catenaria, entre outros, que quedaron danados polo descarrilamento do tren de Iryo e o choque co Alvia.