O Sergas presentará en setembro o plan de reforma da Atención Primaria
Avanzouno o presidente da Xunta nunha visita ás obras de ampliación e reforma do centro de saúde de Conxo, en Santiago, que abrirá a finais de agosto
O Sergas comezará a implantar no mes de setembro as primeiras medidas do plan de reforma integral da Atención Primaria, que inclúe a incorporación de novos especialialistas, como podólogos, e o reforzo de servizos como o de saúde mental. Avanzouno o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, nunha visita as obras de ampliación e reforma do centro de saúde de Conxo, en Santiago, que abrirá a finais de agosto.
O renovado ambulatorio de Conxo, construído nas que eran antigas dependencias dun mosteiro, terá na planta baixa doce consultas para os 5.000 veciños do barrio e no primeiro e segundo andar unidades de saúde mental para atender preto de 150.000 pacientes de Santiago e concellos da contorna. O centro, en cuxa reforma se investiron 5,5 millóns de euros, contará cunha unidade de psicoxeriatría con catro consultas específicas para persoas maiores.
Durante a visita as obras, o presidente explicou que esta remodelación se enmarca no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, no que a Xunta leva investidos máis 162 millóns de euros dende o 2009 na constrcción ou reforma de 138 centros de saúde. Na actualidade, lembrou, están en execución cinco novos en Vilagarcía de Arousa, A Coruña, A Rúa, Muíños e Boborás.
Con todo, Alfonso Rueda asegurou que o compromiso do seu Goberno vai "máis alá das obras" e remarcou a reforma integral da Atención Primaria en toda Galicia, "un plan moi traballado", dixo, que prevén presentar no mes de setembro. Este plan marca entre outros obxectivos crear ata o 2030 máis prazas de matronas, fisioterapeutas ou psicólogos ata chegar a unha ratio dun posto de enfermería por cada médico de familia.