Avanza a reforma da UCI do CHUO que amplía camas e contará coa tecnoloxía máis avanzada
A primeira fase dos traballos rematará nun mes
Ourense acollerá a primeira Unidade de Coidados Intensivos pospandemia. Unha unidade que se pretende que sexa un referente para as que se constrúan en toda Europa.
Incorparará as últimas innovacións a nivel técnico, pero tamén en canto a humanización e manexo dos pacientes. A primeira fase das obras rematará nun mes e despois trasladarase aquí e a outra zona do hospital o servizo para actuar sobre instalacións que ocupa neste intre a UCI. Cando rematen todo os traballos a nova UCI de Ourense contará con 30 boxes.
É un avance importante para o funcionamento da unidade de críticos do Complexo Hospitalario Universitario de Ourense. María José de la Torre, xefa de servizo da UCI do CHOU, di que "os membros do servizo están moi ilusionados porque lles vai ofrecer moitas posibilidades para o confort e tratamento dos pacientes e tamén para os profesionais que traballan nela".
Amplíase o número de boxes, que pasarán a ser 30. Todos pechados, como establece a normativa pospandemia.
O conselleiro de Sanidade destaca a "rapidez de reacción do Sergas mellorando aqueles puntos nas unidades de críticos que viu durante a pandemia. No caso de Ourense, cun importante investimento de 8,2 millóns de euros".
Tamén con tecnoloxía innovadora e con máis comodidades. María José de la Torre conta que van ter "unhas condicións de confort regulables individualmente no que toca á temperatura ou á luminosidade".
Xunto coa ampliación da UCI, no CHUO acometéronse outras obras, como a construción do edificio do materno infantil e a nova Unidade de Medicina Nuclear. Investimentos que superan os 80 millóns de euros.