O Sergas actualiza o protocolo covid
O cambio débese a un cambio de fase de contención a unha de mitigación
Os contactos estreitos con síntomas deberán facer corentena
Os contactos estreitos vacinados e asintomáticos non terán que illarse no seu domicilio
O Sergas actualiza o protocolo de actuación na detección e manexo de casos de infección activa polo coronavirus en atención primaria e na abordaxe dos contactos estreitos para pasar dunha fase de contención a unha de mitigación.
O/a médico/a ou o/a enfermeiro/a de atención primaria fará o seguimento activo dos positivos e fará dúas chamadas: a primeira para valoración clínica e realizar parte de baixa laboral no caso de ter que illarse no domicilio e non ter posibilidade de teletraballo; e a segunda a partir do sétimo día para darlle a alta de illamento.
En primeiro lugar, as persoas que teñan síntomas compatibles coa covid terán que illarse no seu domicilio e chamar ao médico de atención primaria en xornada ordinaria, contactar co persoal médico do PAC ou ben chamar ao número de teléfono de información sobre o coronavirus: 881 540 045.
Despois, faráselles unha proba diagnóstica (de antíxenos ou PCR) e se son positivos, recibirán unha chamada telefónica da Central de Seguimento de Contactos e terán que dicir os seus contactos estreitos e seguir co illamento domiciliario.
Pola contra, se dan negativo, farán vida normal, a menos que sigan tendo síntomas. Nese caso, faráselles unha nova proba.
Da mesma forma, se unha persoa realiza unha proba diagnóstica pola súa conta e dá positivo, terá que illarse no seu domicilio, chamar ao teléfono de información sobre o coronavirus e a CSC poñerase en contacto con ela.
No caso dos contactos estreitos, terán que facer corentena aqueles que non estean vacinados e non tivesen a enfermidade nos últimos 6 meses, e aqueles que están vacinados pero teñen síntomas.
Pola outra banda, non terán que facer corentena os vacinados asintomáticos, os que non están vacinados e non teñen síntomas pero pasaron a enfermidade nos últimos 6 meses.
Os contactos estreitos que teñan que facer corentena, serán contactados pola CSC dúas veces durante a corentena: o primeiro día para comunicarlle o inicio da corentena e a partir do sétimo día para indicarlle o remate da mesma e o comezo de 3 días de vixilancia.
Ademais, a CSC solicitaralle unha proba diagnóstica durante a corentena a partir do quinto día desde o último contacto co caso confirmado.
Os contactos estreitos que non teñan que facer corentena estarán 10 días de vixilancia e a CSC enviaralles unha SMS coas instrucións e información sobre a duración da vixilancia.