O Senado aproba a lei de desperdicio, que inclúe suprimir a protección do lobo
Entre as emendas do PP, pídese a retirada do lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial
A restauración deberá ofrecer a posibilidade de levar á casa comida ou bebida envasada que non fose consumida

O Senado aprobou o Proxecto de Lei de Prevención das Perdas e o Desperdicio Alimentario, que volverá ao Congreso dos Deputados para a súa tramitación final, coa incorporación de emendas alleas a esa norma que inclúen suprimir a protección actual do lobo.
Cos cambios introducidos, o texto deberá pasar de novo polo Congreso dos Deputados para a súa aprobación final; entre estes, as emendas do PP que piden a retirada do lobo da Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial (LESPRE), con vistas a poñer fin á xestión desastrosa do lobo, segundo a senadora deste grupo Lorena Guerra.
Os diferentes grupos parlamentarios aprobaron a incorporación das modificacións propostas pola Comisión de Agricultura do Senado, con 236 votos a favor, 8 en contra e 5 abstencións, mentres que o resto do proxecto de lei contou con 112 votos a favor, ningún en contra e 147 abstencións.
A norma busca previr e reducir o desperdicio dos alimentos por parte de todos os axentes da cadea; para iso, establece unha xerarquía de prioridades de solución.
Tamén se inclúe a obrigación de todos os axentes de dispoñer dun plan de aplicación para a prevención das perdas de desperdicio, unha medida da que quedan excluídas as microempresas e as pequenas explotacións agrarias.
Durante o debate no pleno do Senado, Lorena Guerra (PP) asegurou que introduciron unha corentena de emendas que nalgúns casos reducen sancións absurdas e en xeral buscan garantir a seguridade alimentaria, co obxectivo de centrarse na prevención das perdas e o desperdicio.
Por parte do Grupo Socialista, Rafael Rodríguez defendeu o proxecto de lei porque fomenta a loita contra o desperdicio alimentario e establece unha xerarquía de prioridades no uso dos alimentos axustándose a un consumo responsable.
Entre outros aspectos, a restauración deberá ofrecer a posibilidade de levar para a casa comida ou bebida envasada que non fose consumida, á vez que se promove o consumo de alimentos pouco estéticos, de proximidade e ecolóxicos.