Publicador de contidos

Publicador de contidos

Baixa o seguimento na segunda xornada da folga médica en Galicia, segundo o Sergas

Baixa o seguimento na segunda xornada da folga médica en Galicia, segundo o Sergas

Na quenda de tarde situouse no 3,39 % e na da mañá, no 16,36 %

Sanidade lembra que este martes, 17 de febreiro, é festivo en moitas cidades e concellos, polo que os datos de presenzas e servizos mínimos  están adaptados a tal situación

O sindicato convocador do paro indefinido en Galicia, O'Mega, asegura que a incidencia do paro subiu dous puntos, ata o 87 %, nos hospitais de Vigo e Pontevedra este martes pola mañá

G24.gal 17/02/2026 12:18

A participación na folga médica contra o estatuto marco proposto polo Goberno central caeu esta tarde en Galicia ao 3,39 %, segundo a información do Servizo Galego de Saúde. Pola mañá o seguimento foi do 16,36 % en todos os centros sanitarios da comunidade, en base a estes mesmos datos, mentres que o sindicato O'Mega, convocador en Galicia, eleva a participación a un 87 % nos hospitais de Vigo e Pontevedra.

Sanidade informou de que a porcentaxe de participación nos sete grandes hospitais do Sergas na quenda de tarde alcanza o 2,81 %, mentres que nos comarcais é do 2,44 %. No conxunto da actividade hospitalaria a folga ten unha incidencia do 2,74 % e na atención primaria alcanza o 4,59 %. 

Maior apoio pola tarde no Complexo Hospitalario de Pontevedra 

En canto aos centros hospitalarios, o maior seguimento rexistrouse no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra, cun 12,9 %; mentres que nos da Coruña, Santiago de Compostela, Ferrol e Lugo non se secundou. Na quenda da mañá o seguimento nos sete grandes hospitais do Sergas foi superior, alcanzado o 22,56 %, algo superior ao 22 % da xornada anterior, mentres nos hospitais comarcais, o seguimento foi do 9,92 % (10,9 % onte).

A convocatoria de folga non foi secundada na área sanitaria da Coruña e Cee; na de Santiago de Compostela e Barbanza; na de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos; nin na de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras; pero rexistrouse un seguimento do 6,52 % na área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, e do 10,08 % na de Vigo

En entidades sanitarias como a Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), a empresa pública de servizos sanitarios Galaria e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 o seguimento na quenda de tarde chega ao 2,5 %, cando pola mañá foi do 1,59 %.

O Sergas lembra que este martes, 17 de febreiro, é festivo nas cidades da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo e Ourense, así como noutros concellos das catro provincias, polo que os datos de presenzas e servizos mínimos fixados están adaptados a tal situación.

O sindicato convocador do paro indefinido en Galicia, O'Mega, asegura que a incidencia da folga estatal de médicos contra o estatuto marco subiu dous puntos, ata o 87 %, nos hospitais de Vigo e Pontevedra este martes pola mañá con respecto á do luns. Mentres, baixou once puntos, ao 24 %, nos centros de atención primaria dependentes do Sergas.

Este sindicato destaca, nun comunicado, que debido á xornada festiva deste martes a maior parte do persoal do Sergas xa non tiña que acudir aos seus postos de traballo, polo que "os datos non son representativos" do seguimento do paro.

Por centros hospitalarios, segundo os datos do Sergas, o maior seguimento na quenda de mañá rexistrouse no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), cun 29,7 %; e a nivel comarcal, no Hospital do Salnés, un 12,99 %.

No que respecta a as áreas sanitarias tamén foron as de Vigo, cun 8,13 %, e a do Salnés (8,21 %) as de maior incidencia da folga na quenda de mañá. O Sergas destaca que conta na xornada de hoxe coa cobertura do cen por cento dos servizos mínimos para garantir a actividade asistencial urxente e de emerxencias.

Concentracións ante os hospitais

O'Mega convocou ademais esta semana concentracións de médicos e facultativos ante os hospitais das principais cidades galegas. Serán ás 11 da mañá en Vigo todos os días; en Pontevedra, este martes e o xoves, e en Santiago, A Coruña, Lugo e Ourense, o mércores, xoves e venres.

O sindicato maioritario entre os médicos e facultativos galegos convocou ademais para o 2 de marzo unha folga indefinida para esixir da Xunta un plan de choque que permita desconxestionar a Atención Primaria e reducir as listas de espera en Galicia.

Os médicos rexeitan a proposta de reforma do estatuto marco que regula as condicións laborais do persoal do Sistema Nacional de Saúde (SNI), que o Ministerio que dirixe Mónica García acordou o pasado 26 de xaneiro cos chamados sindicatos do ámbito, é dicir, os xeneralistas: SATSE-FSES, CC. OO., UXT e CSIF.

Os convocadores reclaman un estatuto propio que recolla as particularidades da profesión médica, independente do resto do persoal, que inclúa medidas como unha clasificación profesional singular -crear unha nova categoría A1-, unha xornada máxima de 35 horas semanais en horario de mañá en días laborables e que todo o que exceda considérase exceso de xornada, que deberá ser voluntaria e retribuída.

Piden tamén que as gardas sexan voluntarias, unha xubilación anticipada voluntaria total ou parcial ou a prohibición da mobilidade forzosa, entre outras reivindicacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade