O rei Xoán Carlos volveu este martes a Galicia para participar nunha regata en Sanxenxo
O venres 16 de maio está citado nun acto de conciliación con Miguel Ángel Revilla
O rei emérito Xoan Carlos chegou na tarde deste martes a Galicia para participar coa tripulación do Bribón na segunda regata da liga española da clase 6 metros, que se celebrará os días 26 e 27 de abril na ría de Pontevedra.
O barco do Náutico de Sanxenxo, vixente campión estatal, comezou a tempada cun segundo posto na regata de marzo, na que non participou o emérito. A vitoria foi para o Titia, patroneado por Mauricio Sánchez-Bella.
O regreso de Xoán Carlos a Galicia prodúcese poucos días despois da súa viaxe a Bahréin, onde acudiu para apoiar os pilotos Carlos Sainz e Fernando Alonso no Gran Premio de Fórmula 1.
Foi a súa primeira aparición pública desde que se coñeceu a súa demanda contra o expresidente de Cantabria, Miguel Ángel Revilla.
Demanda contra Revilla por declaracións "inxuriosas"
O acto de conciliación entre o rei emérito e Revilla terá lugar o venres 16 de maio, ás 10:00 horas, na sala número 10 da sede xudicial das Salesas, en Santander.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Cantabria, xa se comunicou a data tanto á representación legal de Xoán Carlos como persoalmente ao político no seu despacho do Parlamento cántabro.
Xoán Carlos solicita unha rectificación pública polas declaracións que Revilla faría entre maio de 2022 e xaneiro de 2025. Tamén reclama unha indemnización de 50.000 euros por danos morais.