O Rácing recibe a autorización da Liga e xogará ante o Spórting na Malata
As actuacións permitiron dotar ao estadio das infraestruturas para garantir unha adecuada cobertura mediática
Tamén melloraron aspectos como a megafonía, iluminación ou soportes de telecomunicación

Esta mañá o Rácing recibiu a autorización da Liga para a celebración no Estadio da Malata do partido correspondente á terceira xornada de LaLiga Hypermotion ante o Real Spórting, previsto para o domingo 27 ás 17.00 horas.
Ao longo desta semana, responsables deste organismo visitaron as instalacións deportivas para comprobar que se realizaron todos os axustes pertinentes e emendado as deficiencias que detectaran na súa anterior inspección a finais de xuño.
Durante este tempo, o club ferrolán traballou de forma coordinada coa Xunta de Galicia e o Concello de Ferrol, propietario do campo, para acometer de urxencia melloras en múltiples ámbitos.
Estas actuacións permitiron dotar ao estadio das infraestruturas e recursos técnicos necesarios para garantir unha adecuada cobertura mediática, ademais de mellorar aspectos como a megafonía, iluminación ou soportes de telecomunicación. Así mesmo, foron acometidas outras reparacións estruturais en cubertas e accesos e cambiouse o céspede e o sistema de rego.