O Rácing reacciona a tempo para levar o triunfo de Tajonar (1-2)
Os goles de Escobar e Álvaro Giménez déronlle a volta á vantaxe inicial do Osasuna B
O Rácing tivo que remontar para acadar o triunfo na Cidade Deportiva de Tajonar diante do filial do Osasuna (1-2) e mantense na zona alta da clasificación na Primeira RFEF.
O partido comezou con polémica, por un posible penalti de Parera sobre un dianteiro osasunista. E continuou cunha ocasión clarísima do Rácing que estrelou dous remates contra o traveseiro na mesma xogada. No minuto 29 marcou Osambela á saída dun córner, un dos habituais co primeiro equipo do Osasuna.
O Rácing levaba a iniciativa e xeraba ocasións pero non estaba acertado diante de Stamatakis. Cambiou a sorte no segundo tempo cando, froito da insistencia, chegou o gol do empate marcado por Antón Escobar. Non se veu atrás o cadro departamental que atopou o segundo tanto a quince minutos do final cun remate de cabeza de Álvaro Giménez.
O Osasuna quedou con dez por expulsión de Garín cun vermello directo e iso aproveitouno o Rácing para controlar o partido e levar a vitoria.