O Rácing mete presión ao Deportivo polo segundo posto
Gañoulle 1-2 á UD Logroñés nas Gaunas con goles de Joselu e David Rodríguez
O Rácing acadou esta tarde un triunfo importantísimo nas Gaunas, diante dun rival directo como é a Unión Deportiva Logroñés.
Os ferroláns adiantáronse no marcador xa na segunda metade cun tanto de Joselu coa perna zurda. 13 goles leva xa o máximo goleador histórico do cadro departamental esta tempada.
Pero Guarrotxena empatou o partido a vinte minutos do final. Mala saída do garmallas Gazzaniga e cunha boa testada lograba colocar o empate no marcador.
Cando a igualada parecía que ía ser definitiva, a cinco da conclusión, apareceu David Rodríguez para selar cunha fermosa vaselina un triunfo que deixa ao Rácing a dous puntos do Deportivo, que xoga mañá, e con 7 de vantaxe para entrar na promoción.