Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Rácing golea en Matapiñonera (0-3) e achégase ao liderado

O Rácing golea en Matapiñonera (0-3) e achégase ao liderado

Jaume Jardí, Álex López e Carlos Vicente foron os goleadores

Os de Cristóbal están a 4 puntos do líder e cun partido menos

Foto: @racingferrolsad
G24.gal 23/04/2023 14:23

O Rácing segue en disposición de loitar polo ascenso directo. Gañou con autoridade en San Sebastián de los Reyes e está a catro puntos do liderado cun partido menos.

En Matapiñonera, os de Cristóbal saíron decididos desde o principio. E froito do seu dominio inicial chegou o primeiro gol no minuto 21. Gran pase en profundidade de Quique Fornos, boa acción de Carlos Vicente e gol de Jaume Jardí. Xusto premio a ambición racinguista.

O Sanse, metido de cheo na loita pola permanencia, tivo a súa primeira ocasión á media hora de xogo. Gazzaniga respondeu á perfección a un bó cabezazo de Raúl Hernández. Logo desta xogada, o equipo ferrolán controlou ben o partido e logo do tempo de lecer volveu ao céspede coa intención de sentenciar. E así, no minuto 52, Álex López lograba o segundo tanto. Manu Justo, que viña de fóra de xogo, deixou pasar o coiro tralo pase, unha vez máis de Quique Fornos, e Álex resolveu ante a saída de Pedro López.

Os madrileños responderon a balón parado. Pedro Benito rematou de cabeza unha falta e enviou o balón ao fondo das mallas. Pero o asistente invalidaba a acción pola posición adiantada do atacante local. Foi a única opción de meterse no partido para o Sanse. Porque o Rácing aumentaría a conta no minuto 74. Desta volta a asistencia foi de Jardí e o gol de Carlos Vicente. No día do seu aniversario, o aragonés completaba o seu gran encontro logrando o cero a tres definitivo.

Tres puntos e moi boas sensacións para un Rácing que aspira a todo nesta recta final de liga.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade