O Racing desprega todas as súas virtudes para dobregar o líder Zaragoza (1-0)
O Racing desprega todas as súas virtudes para dobregar o líder Zaragoza (1-0)
Un gol de Álvaro Giménez no minuto 60 decidiu o partido
O Zaragoza só perdera dous puntos nos primeiros seis partidos
Terceira vitoria dun Racing que suma doce puntos
O Racing continúa coa súa gran xeira neste comezo de temporada. Dobregou o líder da categoría, un Zaragoza que ata o de agora só perdera dous puntos en seis xornadas. Chegoulle cun gol de Álvaro Giménez, o dianteiro que substituíu a Sabin Merino, que non puido xogar o partido pola cláusula do medo (pertence ao club aragonés).
Houbo moito respecto de inicio. As hostilidades non comezaron ata o minuto 24, cando o visitante Francés rematou de cabeza rozando o pau. Tamén a balón parado chegaron as mellores opcións racinguistas. Carlos Vicente, outro ex do Zaragoza, gozou de dúas. Nunha delas interveu Cristian Álvarez e a outra marchou preto da portería.
No segundo tempo mantivo o bo traballo defensivo o Racing e engadiu máis chegadas. Avisou Carlos Vicente a centro de Héber. Foi a acción anterior ao gol. Agora tocoulle centrar a Vicente e Álvaro Giménez conectou un sensacional remate de cabeza que foi á rede.
Era o Zaragoza o que tiña que botarse arriba para manterse sen derrotas; Escribá fixo trocos ofensivos pero en ningún momento puido inquietar dun xeito insistente a porta de Ánder Cantero. Ademais, o treito final deixounos o regreso de Chuca despois da lesión, un reforzo importante para o centro do campo nas vindeiras xornadas.
O Racing vaise aos doce puntos, na zona alta da clasificación, e suma a terceira vitoria da temporada, segunda na Malata.