O Rácing cae nun mal partido en Talavera (3-1)
Álvaro Giménez meteu ao Rácing no partido na segunda metade, despois do 2-0 ao descanso
Marcos meteu o 3-1 cando mellor estaban os galegos
Álvaro errou un penalti no treito final
O Rácing caeu na visita a El Prado. Fíxoo cun 3-1 que o deixa no décimo posto, aínda que a so dous puntos da zona de promoción.
O partido comezou mal para o equipo galego, que foi superado por un Talavera en postos de descenso. O cadro local meteu balóns á área con moito perigo, comezando xa no minuto 15 cunha cabezada fóra de Marcos Moreno. Contestou o Rácing cunha boa ocasión, pero o Talavera volveuse botar arriba, e conseguiu os dous primeiros goles nun período de sete minutos.
No 26, Ferni cabeceaba ao fondo da portería de Parera un bo envío desde a banda dereita. E no 32, un saque desde o curruncho aproveitábao Molina, cun remate que petaba en Gorostidi e acababa no 2-0, que deixaba o partido moi costa arriba para os de Fernández Romo.
O Rácing mellorou no treito final da primeira metade, e gozou dun par de boas ocasións: un remate de Álvaro Juan que parou Belman, e outro remate de Pujol, que tamén atallou o porteiro.
Na segunda metade confirmouse a mellora galega, e Álvaro Giménez acortaba diferenzas no minuto 60, aproveitando un gran centro desde a esquerda de Saúl. Quedaba partido, e o Rácing meteu na súa área ao Talavera, pero non era quen de empatar. E os locais volveron tirar proveito da súa ocasión. Foi no minuto 79, cando Marcos volvía establecer os dous goles de diferenza.
Tivo a súa o Rácing, nun penalti que Álvaro Giménez desaproveitou ao rematar ás nubes. Non era o día do cadro ferrolán, que queda no décimo posto con 37 puntos logo da undécima derrota da Liga.