O Rácing asina os peores números da súa historia en ataque
O cadro departamental leva 719 minutos sen celebrar un gol e está a partido e medio de igualar a peor marca da historia da Liga (872 minutos)
O treito final da temporada do Rácing está a ser un pesadelo. Acumulan once partidos sen vitoria. Cando faltan sete, están a tempo de evitar que este equipo supere o que enlazou 17 xornadas sen gañar en 2003. A diferenza é que aquel Rácing descendeu na última xornada por 2 puntos. E o actual sofre unha longa agonía.
Pero o máis preocupante é a prolongada seca goleadora. Desde que lle marcaran ao Huesca o pasado 1 de marzo (gol en propia porta) non volveron a celebrar ningún outro tanto. Pasaron sete partidos completos, 719 minutos sen conseguir ver porta. En toda a temporada, 35 partidos, só marcou 18 goles, unha media de 0,51 por encontro.
Miramos cara aos rexistros históricos e atopamos o Burgos na campaña 2001-02 como acumulou 872 minutos sen marcar. E indo máis atrás no tempo o filial do Athlétic pasou 866 minutos na campaña 69-70. Os dous equipos xogaban na Segunda División. Na máxima categoría o rexistro máis negativo de todos os tempos é do Sabadell con 813 minutos na 1987-88.
O Rácing agarda rematar coa seca a vindeira xornada diante do Eldense para non verse na historia dos rexistros negativos do campionato.