Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Reino Unido asegura que Rusia tenta instaurar un goberno amigo en Kiev

O Reino Unido asegura que Rusia tenta instaurar un goberno amigo en Kiev

Rusia acusa o Goberno británico de difundir "bobadas"

G24.gal 23/01/2022 08:35

O Reino Unido asegura que Rusia busca instalar un líder prorruso en Kiev mentres considera invadir e ocupar Ucraína.

Segundo informa nun comunicado o Ministerio británico de Asuntos Exteriores, os servizos de intelixencia rusos manteñen vínculos con numerosos expolíticos ucraínos e sinala o exdeputado Yevhen Murayev como posible candidato. 

"Rusia debe reducir a tensión, poñer fin ás súas campañas de agresión e desinformación, e seguir o camiño da diplomacia. Como o Reino Unido e os nosos socios dixeron repetidamente, calquera incursión militar rusa en Ucraína sería un erro estratéxico masivo con custos severos", sinala a ministra británica de Exteriores, Liz Truss, no comunicado.

O Goberno británico reitera que apoia "inequivocamente" a soberanía e a integridade territorial de Ucraína, dentro das súas fronteiras recoñecidas internacionalmente, incluída Crimea.

Resposta rusa

Pola súa banda, Moscova nega que pretenda instalar un líder prorruso en Kiev e acusa o Reino Unido de desinformar e difundir "bobadas".

Baixo o título "Desinformación que circula", o Ministerio de Exteriores ruso publicou esta madrugada unha mensaxe en Twitter para acusar "as nacións anglosaxoas" de "intensificar as tensións" sobre Ucraína.

"Instamos o Foreign Office a que deixe de difundir bobadas", conclúe a breve mensaxe do Ministerio de Exteriores ruso.

Os Estados Unidos, que cifra en máis de 100.000 os soldados rusos despregados na fronteira con Ucraína, considera "preocupantes" os exercicios militares desenvolvidos na zona e o anuncio de Putin de poñer en marcha as maiores manobras navais da súa historia.

Na xuntanza que mantivo este venres en Xenebra co secretario de Estado dos EUA, Antony Blinken, o ministro de Exteriores ruso, Serguéi Lavrov, asegurou que Moscova non ten intención de atacar Ucraína.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade