Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PSOE nega estar detrás dunha operación para tentar desacreditar a UCO

O PSOE nega estar detrás dunha operación para tentar desacreditar a UCO

Segundo El Confidencial, unha extenente de alcalde socialista pediu información comprometedora do tenente coronel da Garda Civil que investiga os casos da muller e o irmán de Pedro Sánchez a un empresario investigado pola Audiencia Nacional

O presidente do PP pide respecto para a Garda Civil: "A Garda Civil respécatase, non se difama"

Leire Díez encadra a conversación sobre a UCO cunha investigación xornalística que está a facer

Gallardo renunciará este venres como presidente da Deputación de Badaxoz e como concelleiro

Imaxe da videoconferencia mantida entre Leire Díez Castro, Javier Pérez Dolset e varios avogados co empresario Alejandro Hamlyn ('El Confidencial')
G24.gal 26/05/2025 11:15

O PSOE nega estar detrás dunha presunta operación feita pública por El Confidencial para tentar desacreditar ao tenente coronel da Garda Civil Antonio Balas, que lidera as pescudas sobre a muller e o irmán do presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o caso Koldo.

Segundo este xornal, Leire Díez, unha antiga tenente de alcalde do PSOE colocada polo Goberno de Sánchez na empresa pública Enusa e despois en Correos, mantivo unha reunión por videoconferencia co empresario Javier Pérez Dolset e o industrial Alejandro Hamlyn, investigados nunha fraude de hidrocarburos, para pedirlles información comprometedora sobre Balas.

Segundo El Confidencial, Díez díxolles: "Con que haxa catro cousas documentadas, váleme. Non fai falta que sexan 250 de presuncións". E Hamlyn constestou: "Cunha cousa que che dea (de Balas) xa está, está morto", ao que Díez supostamente respondeu: "Pois perfecto. Xa está. Mellor mo pos aínda".

O PSOE afirma que non ten en nómina "ningunha das persoas" que aparecen nos audios

O PSOE asegurou este luns que "ningunha das persoas" que aparecen nos audios está en nómina do partido e desmente "de forma categórica" a información publicada polo dixital.

Nun comunicado, aseguran que estamos ante unha publicación  "difamatoria e claramente destinada a realizar un dano reputacional ao partido", e reserva o dereito de iniciar as accións legais que consideren oportunas.

O PP pide respecto á Garda Civil

O presidente do PP, Alberto Núñez Feijóo, pediu este luns respecto á Garda Civil tras a publicación dos audios de El Confidencial para danar a UCO: "Eu creo a Garda Civil, e a Garda Civil respéctase, non se difama", afirmou nunha entrevista en Telecinco.

En opinión de Feijóo, cando un Goberno "está a protexer o fiscal xeral do Estado que borrou probas" e ao mesmo tempo "estase perseguindo a Garda Civil", é evidente que algo en España "está a fracasar": "Paréceme que estamos na decadencia máis absoluta e convén pegar un corte cirúrxico", afirmou.

A través dunha mensaxe en X, o portavoz do PP no Congreso, Miguel Tellado, describiu a situación como "as cloacas de Ferraz a pleno rendemento para difamar os gardas civís que investigan a súa entulleira de corrupción".

"Sánchez non ten límites e a degradación é total, pero non logrará torcer o brazo á democracia e ao Estado de dereito. Somos moitos máis os que traballamos por defender o que el quere someter custe o que custe", dixo. 
 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade