Publicador de contidos

Publicador de contidos

O prorruso Rumen Radev é elixido primeiro ministro de Bulgaria con maioría absoluta

O prorruso Rumen Radev é elixido primeiro ministro de Bulgaria con maioría absoluta

"Estes son os problemas máis dolorosos que sofren os búlgaros hoxe por hoxe. O vindeiro luns presentaremos proxectos de leis que facilitarán un maior control dos prezos", anunciou.

Rumen Radev, novo primeiro ministro de Bulgaria/Reuters. Rumen Radev, novo primeiro ministro de Bulgaria/Reuters.
G24.gal 08/05/2026 11:59

O prorruso e eurocrítico Rumen Radev foi elixido este venres novo primeiro ministro de Bulgaria co apoio de 124 dos 240 deputados do Parlamento, tras gañar con maioría absoluta as eleccións anticipadas do pasado día 19, as oitavas en cinco anos.

O exmilitar de 64 anos dimitiu o pasado xaneiro tras nove anos como xefe do Estado e fundou o partido Bulgaria Progresista, co que reuniu rapidamente un gran apoio popular ata lograr o 44,6 % dos votos e 131 dos 240 escanos do Parlamento.

O novo xefe de Gobierno anunciou pouco antes da votación de hoxe que afrontar o encarecemento da vida será a súa primeira prioridade.

"Estes son os problemas máis dolorosos que sofren os búlgaros hoxe por hoxe. O vindeiro luns presentaremos proxectos de leis que facilitarán un maior control dos prezos", anunciou.

Tamén adiantou que será difícil que o país non acumule máis débeda pública pero prometeu que non haberá aumento de impostos nin recortes nas prestacións sociais.

Entre o resto de prioridades, enumerou a aprobación do orzamento nacional, reformar o sistema xudicial e "destruír o modelo oligárquico que secuestrou ao Estado".

Tras a elección hoxe de Radev, o Parlamento deu tamén o visto e prace ao novo Executivo, o primeiro cunha sólida maioría e que se espera logre superar a parálise institucional, con sete primeiros ministros diferentes, que sofre desde 2021 o país máis pobre da Unión Europea.

Radev gañou as eleccións cunha mensaxe nacionalista centrada na rexeneración do Estado, a seguridade nacional e a loita contra a corrupción.

En política exterior, Radev defendeu que se pode combinar a pertenza á Unión Europea e a OTAN cunha postura crítica cara ás sancións contra Rusia.

Tamén avoga por manter o diálogo con Moscova e oponse ao envío de axuda militar a Ucraína, argumentando que prolonga o conflito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade