Zelenski responde á ruptura da tregua unilateral cun ataque ás infraestruturas petroleiras rusas
Segundo Ucraína, Rusia lanzou 140 ataques a posicións súas na fronte
O presidente ucraíno di que a infraestrutura alcanzada neste ataque é clave para o financiamento da guerra de Rusia contra Ucraína
REUTERS/Yves Herman
O presidente de Ucraína Volodimir Zelenski informou este venres dun ataque ucraíno contra unha infraestrutura petroleira rusa situada na rexión rusa de Iaroslavl, a máis de 700 quilómetros da fronteira con Ucraína, en resposta aos ataques rusos contra territorio ucraíno.
Antes de reivindicar este ataque, Zelenski informara de ataques rusos contra posicións ucraínas na fronte durante as primeiras horas da tregua.
Segundo o presidente ucraíno, a infraestrutura alcanzada neste ataque é clave para o financiamento da guerra contra Ucraína de Rusia, que sufraga en gran medida o seu esforzo de guerra coas súas exportacións petroleiras.
Zelenski referiuse ao ataque como unha manifestación de xustiza e deu as grazas ao seu exército e aos seus servizos de intelixencia pola súa efectividade á hora de levalo a cabo.
O líder de Kíiv declarara na véspera que Ucraína se abstería de lanzar ataques de longa distancia contra territorio ruso se Moscova cumpría coa tregua de 48 horas declarada unilateralmente polo presidente ruso Vladimir Putin.
Zelenski deu este xoves por incumprida a tregua polos ataques rusos a posicións ucraínas na fronte.
“Ao longo da pasada noite, o exército ruso continuou atacando posicións ucraínas. Ás 07:00 documentáranse máis de 140 ataques a posicións na fronte”, dixo Zelenski, que denunciou tamén dez asaltos rusos localizados sobre todo na fronte de Sloviansk e o lanzamento de preto dun milleiro de drons de varios tipos.
Ucraína propuxera previamente unha tregua indefinida a partir do 6 de maio, unha oferta que os rusos ignoraron.
“Rusia debe optar por unha paz xenuína, e só cunha presión forte pode conseguirse iso”, pechou Zelenski a súa mensaxe.