O presidente de Renfe apoia o pago nas autovías para fomentar a utilización do transporte público
Isaías Táboas, presidente de Renfe, considera que provocaría un trasvase de viaxeiros ao tren
Como política medioambiental, non de transporte, definiu Isaías Táboas a proposta de pago

O cobro de peaxe nas autovías volve ao debate público. O presidente de Renfe apoia o pago por uso para fomentar a utilización do transporte público e reducir, así, a contaminación.
Son unhas declaracións que Isaías Táboas fixo no marco dun foro de debate e que se basean en fomentar a mobilidade verde. O que propón é fomentar un transvasamento de pasaxeiros do transporte por estrada ao tren, que é máis ecolóxico, máis sostible. Di que, con dous céntimos por quilómetro, supón un aforro de 1.400 toneladas de CO2.
A proposta, como era de esperar, ten os seus detractores, sobre todo entre os usuarios habituais do transporte por estrada, pero tamén defensores que promoven un reforzo dos servizos ferroviarios.
Como política medioambiental, non de transporte, definiu Isaías Táboas a proposta do pago por uso nas autovías, ao tempo que recoñecía que é un asunto complicado de levar á práctica.
Isaías Táboas, presidente de Renfe: "A partir de 2 céntimos de euro por quilómetro, prodúcese un trasvase cara o ferrocarril que produce, á súa vez, unha redución de emisións".
O factor económico é o que cuestionan os usuarios habituais da estrada:
"Para os que necesitamos as autovías para movernos porque non podemos ir pola nacional para aforrar ese gasto, non é asumible". "Porque xa nos cobran o mantemento do coche, soben o gasóleo, soben todo... ".
A pé de estación as opinións varían. Os que si usan o tren describen as súas vantaxes:
"Eu pago 3,50, collo o billete, e despreocúpome. E se vou en coche: gasto de combustible, gasto de rodas, revisión do coche...". "Si que é certo que ás veces é máis cómodo usar o coche, pero visto como están os prezos e todo, é unha oportunidade para cambiar a mentalidade, facer un esforzo, e usar máis o transporte público".
Aclaran, iso si, que cumpriría reforzar o servizo:
"Por exemplo, á zona do Carballiño, non hai tren nin autobuses. Tes un cada...".
O Goberno xa formulara esa opción no marco do Plan de recuperación remitido a Bruxelas en 2021, pero quedou paralizada ante o rexeitamento da maioría da cámara.