O PPdeG comeza este domingo a campaña "Galicia non para!"
Alfonso Rueda percorrerá Galicia para manter un contacto directo coa cidadanía
O líder do PPdeG falará coa poboación galega de economía, emprego, familia, educación ou do agro
Alfonso Rueda percorrerá Galicia a partir deste domingo co obxectivo de manter un contacto directo coa cidadanía para coñecer de preto as súas preocupacións. Segundo o PPdeG, serán encontros "a pé de rúa" e "sen intermediarios" cos cidadáns, nunha campaña que leva por título "Galicia non para!".
Nestes encontros por toda Galicia, Alfonso Rueda falará coa poboación galega de diferentes temas como economía, emprego, familia, educación ou o agro. Pola súa banda, a cidadanía, apuntan, "poderá facerlle chegar as súas preocupacións e propostas directamente, nunha conversa persoal".
Nese contexto, o PPdeG sinalou que esta campaña "porá en valor a normalidade extraordinaria" de Galicia, "con Alfonso Rueda á cabeza" e o seu, din, "estilo propio de facer política".