Publicador de contidos
Publicador de contidos

O Partido Popular pide un esforzo para completar a "derrogación do Sanchismo"

O Partido Popular pide un esforzo para completar a "derrogación do Sanchismo"

Os populares ven os resultados do 28M como un cambio de ciclo

A Xunta directiva Nacional do PP reúne en Madrid os cargos políticos e institucionais do partido

G24.gal 30/05/2023 14:50

O Partido Popular chega unido e reforzado ás eleccións do próximo 23 de xullo. Acompañado polos que serán novos presidentes de comunidades como Valencia, Cantabria ou Aragón, o presidente do Partido Popular felicitou todos os candidatos polos resultados das eleccións deste domingo. Di que afrontan con optimismo a carreira cara ás xerais. O cambio está iniciado, pero hai que consolidalo.

"O sanchismo non está derrogado", di Alberto Núñez Feijóo. Para iso pide un novo esforzo. Fronte a un Goberno que di irresponsable, ofrece un novo modelo político.

"Deixar atrás unha política frívola, enganosa e divisiva para exercer outra política serena, de palabra e que volva unir á sociedade española", asegura o líder dos populares, quen chama a concentrar o voto de centrodereita cun ofrecemento a Ciudadanos de porta aberta da casa do Partido Popular.

Sobre a posibilidade de pactos con Vox nos gobernos que sexa necesario, o partido dará liberdade a cada territorio. "Non hai présa no diálogo con outras forzas, incluída Vox. Hai tempo dabondo", di o presidente andaluz, Moreno Bonilla.

"Eu confío en que todos farán o máis útil e o mais eficaz para cada Comunidade ou Concello", sostén Alfonso Fernández Mañueco, presidente de Castela e León.

O Partido Popular tamén ofrece os seus votos para evitar que Bildu poida entrar nos gobernos.

Nesta reunión, o presidente dos populares galegos tamén puxo en valor os resultados obtidos polo PP a nivel municipal en Galicia. Alfonso Rueda celebra ser a forza máis votada, pero di que o traballo continúa e que quere un equipo consolidado para seguir mellorando os resultados con vistas ás eleccións xerais.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade