O PP rexeita que Rueda compareza no Parlamento para explicar a dimisión de Villares
O BNG critica que se trate "como un heroe nacional" o presunto agresor e os socialistas din que "non se pode consentir que o presidente da Xunta ocultara a información meses e meses"
O PPdeG argumenta que "todas e cada unha das cuestións" foron aclaradas polo presidente "ante o conxunto da sociedade galega"
Concepción Pombo non logra os apoios necesarios na primeira votación para dirixir a CSAG
O PPdeG impide coa súa maioría que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, compareza no pleno do Parlamento de Galicia para dar explicacións sobre a dimisión do exconselleiro do Mar Alfonso Villares.
O portavoz parlamentario dos populares, Alberto Pazos, argumentou que "todas e cada unha das cuestións" foron xa "aclaradas ante o conxunto da sociedade galega" polo presidente Rueda.
A oposición cualificou de "indecencia" e "indignidade" esta negativa e a actuación do Goberno galego sobre este caso.
A viceportavoz parlamentaria do BNG, Olalla Rodil, considera que Rueda debe dar explicacións sobre a "foto da vergoña", en que se ve o presidente abrazándose con Villares no acto de toma de posesión da súa sucesora, ao día seguinte da súa dimisión, e critica que se trate "como un heroe nacional o presunto agresor" e se sementen dúbidas sobre a denunciante.
A viceportavoz socialista, Elena Espinosa, afirma que "non se pode consentir que o presidente da Xunta ocultara a información meses e meses", tras coñecer a denuncia, e só falara publicamente para "encubrir" e non dar explicacións aos galegos e galegas.
O único deputado do Grupo Mixto, Armando Ojea (Democracia Ourensana), secundou que Rueda debe comparecer, aínda que só para explicar todo o relacionado coa súa dimisión".
Concepción Pombo non logra os apoios necesarios en primeira instancia para dirixir a CSAG
A candidata proposta polo PPdeG para a dirección xeral da Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG), antes CRTVG, Concepción Pombo, non conseguiu os apoios parlamentarios suficientes para ser nomeada a máxima responsable dos medios públicos galegos.
Só o grupo do PPdeG, maioritario na Cámara autonómica, votou a favor dunha candidatura que, neste primeiro trámite, requiría dunha maioría cualificada de dous terzos do Parlamento galego.
A oposición optou por votar en branco para expresar o seu rexeitamento a unha futura directora xeral que consideran parcial e favorable aos intereses do PPdeG.
A renovación da dirección xeral da CSAG prolongarase agora durante polo menos un mes, cando este asunto poderá ser levado de novo ao pleno do Lexislativo para unha nova votación na que bastaría unha maioría de tres quintos que, previsiblemente, tampouco se dará, a teor das posturas hoxe exhibidas.
Con todo, o procedemento concluirá previsiblemente en xullo nunha terceira e última rolda de votacións na que bastaría coa maioría absoluta do PPdeG para nomear a Pombo directora xeral da corporación en substitución de Alfonso Sánchez Izquierdo.